Comeza o mes de Xuño e Urso, Vieiros e
Marosa queren propoñervos varios retos científicos!
A Ciencia está ao noso redor e todos
vós xa fixestes un montón de experiencias ao longo destes meses (o bote da
calma, a elaboración de tinta invisible, chuvia con espuma e colorante, o
experimento dos virus con pementa…).
Por iso as nosas mascotas pensaron que
o pasariades xenial descubrindo un montón de cousas novas! Estades preparados
para convertervos en grandes científicas e científicos? Aquí vos deixamos o
primeiro experimento!
E atentos! podedes cubrir as fichas
técnicas que vos deixamos para imprimir. Así
recordaredes como se fan e anotaredes as vosas impresións! A divertirse
coa Ciencia!
EXPERIMENTO
1 – ARCO DA VELLA DE DENSIDADES
Este experimento quere amosarnos que
non todos os líquidos pesan o mesmo, uns son máis densos e outros menos. E
canto máis densos son máis pesan!
Pero que son os líquidos? O leite, a
auga, o mel, o suavizante da roupa… Son substancias líquidas. Son
escorregadizas (é moi difícil atrapalas coas nosas mans) e ademais adáptanse á
forma dos obxectos que as conteñen. Por exemplo, se metemos auga nunha botella
adáptase a esa forma enchendo todos os oquiños… se a metemos nun vaso ou nun
cubo da praia ou nunha copa alongada adaptarase tamén a esas formas.
Pois ben, imos a comprobar que pasa se
mesturamos líquidos con distintas densidades… Comezamos! Premede na imaxe de
arriba para ver os materiais que precisas para este experimento.
Nun frasco ou botella de vidro metemos
os líquidos de distinta densidade na seguinte orde:
- Metemos un pouquiño de mel
- Despois un pouquiño de lavavaixelas líquido
- Agora auga cun pouquiño de colorante vermello (para poder distinguila despois)
- Seguido un pouco de aceite (pode ser de xirasol ou de oliva)
- E por último o alcohol cunha pinga de colorante azul
Xa están todos os líquidos dentro da
botella, verdade que non queda ningún oquiño baleiro entre eles? Pois ben,
agora tes que deixalo repousar uns minutos e… CIENCIA! Seguro que podes ver
perfectamente cada líquido separado dos outros. O que está abaixo é o que máis
pesa (é o máis denso) e o que ten menos densidade (o que menos pesa) queda
arriba de todo! Fíxate.
Investiga máis… como podedes ver, os
líquidos da botella ocuparon todo o seu espazo, sen ocos no medio. Agora podes
probar a meter garabanzos nun vaso ou frasco de vidro… quedan ocos entre eles?
Os garabanzos son líquidos?
Premede na
imaxe de arriba para descagar o PDF coas fichas técnicas.
Este
experimento está recollido en “Experiencias y experimentos. 50 actividades
sensoriales para entretenerse en casa” de @diverbichillos
No hay comentarios:
Publicar un comentario