Mostrando entradas con la etiqueta animais. Mostrar todas las entradas
Mostrando entradas con la etiqueta animais. Mostrar todas las entradas

martes, 31 de marzo de 2020

URSO, VIEIROS E MAROSA RECOMENDAN: UN CONTO CADA DÍA


O CONTO DE HOXE É: A VACA QUE PUXO UN OVO

Autores: Andy Cutbill (escritor) e Russell Ayto (ilustrador)


Editado en galego pola Editorial Patas de Peixe


Conto extraído da canle de youtube “Taxi Roberto Burela”

BREVE INFORMACIÓN DO CONTO: Este conto tan divertido trata temas tan importantes como a construción da autoestima e da intelixencia emocional e pon en valor os logros que se poden conseguir a través da amizade, a cooperación e a solidariedade. Ademais trata de maneira comprensible para os máis pequenos o tema da adopción e dos diferentes tipos de familias, a través do amor incondicional que amosa a protagonista ao seu bebé pitiño.

ACTIVIDADES RELACIONADAS: A proposta de hoxe vai a ser moi divertida… que vos parece facer a vosa árbore xenealóxica? Si si, podedes facela de moitas maneiras: buscando fotos dos vosos familiares, debuxando a vosa familia, escribindo o seus nomes… lembrade que cada familia é diferente! Hai familias moi numerosas cunha mamá, un papá, varios irmáns, os avós, tíos, curmáns… outras son más pequeniñas pode ser unha mamá, unha filla e un gatiño (non esquezades ás vosas mascotas!), noutras familias hai dúas mamás, noutras un papá e moitos tíos e tías, noutras incluso pode haber unha tartaruga… Pero todas son diferentes e especiais! Anímate e descubre a túa, que de seguro é a mellor do mundo para ti!

Importante! QUE É UNHA ÁRBORE XENEALÓXICA? Pois é un debuxo (a maioría das veces con forma de árbore) na que se poden ver aos teus familiares moi ben ordenadiños e colocados dunha maneira especial: Na parte de arriba da árbore colócanse os familiares máis maiores (polo xeral os avós) e logo vas colocando debaixo dos avós aos teus tíos, tías e aos teus papás e debaixo deles aos teus curmáns e irmáns… e a ti!

Esta sería unha árbore xenealóxica tradicional, pero igual que pasa coas familias, o teu debuxo pode ser diferente porque como xa dixemos, non todas as nosas familias son iguais. Arriba esa creatividade!


Recomendacións lectoras dende o Piso de Abaixo da Escola: FAMILIAS de Oh Mami Blue e FAMILIARIUM de Mar Cerdá.




viernes, 27 de marzo de 2020

URSO, VIEIROS E MAROSA RECOMENDAN: UN CONTO CADA DÍA

O CONTO DE HOXE É: ANIMAIS


Autores: Antonio Rubio (escritor) e Óscar Villán (ilustrador)
 Editado en galego pola Editorial Kalandraka.

Pinchando na imaxe podedes ver o conto.

 Conto extraído da web Kalandraka TV
BREVE INFORMACIÓN DO CONTO: Os animais deste conto aparecen pouco a pouco ata reunirse nun final no que se pon en pulo o valor da amizade. No enlace podedes ver a Bea Campos contando e cantando este contiño no que ademais poden intervir as nenas e nenos
ACTIVIDADES RELACIONADAS: Hoxe deixámosvos unha actividade elaborada por nós: Un caderno de investigación sobre os animais do conto! Este caderno é só unha idea, se tedes impresora na casa podedes imprimir o PDF e traballar sobre el, pero se non tedes podedes usalo de guía para elaborar o voso propio caderno de investigación (incluso podedes buscar máis información e curiosidades sobre estes animais… ou sobre outros polos que teñades interese). Agardamos que o pasedes xenial! Ah! E coma sempre, se o precisades podedes pedirlle axuda aos maiores.
Pinchando na imaxe podedes ver o documento.

 NOTA: O caderno de investigación pode facerse de moitas maneiras… debaixo do nome de cada animal hai unha liña, nela podes escribilo ti (ou intentalo). As preguntas poden responderse escribindo ou debuxando. Por exemplo:
Na ficha da pantera preguntamos de que cor son a maioría delas, para contestar podedes escribilo ou ben pintar un circuliño da cor correspondente.

Na ficha da cegoña podedes responder escribindo, repasando o que escribe un maior ou debuxando a resposta.