miércoles, 27 de noviembre de 2019

FILTRADO E EMBOTELLADO

Hai tempo que na aula do Oso Urso comezamos a preguntarnos que podíamos facer co mosto que estaba a fermentar. Levaría xa demasiados días? Estaría estragado? Precisaríamos máis tempo? Como non tiñamos na clase ningún experto en vendima decidimos escribir unha carta para pedir axuda ás nosas familias. 


Na casa, preguntamos e investigamos e case todos coincidimos en que o viño debía fermentar arredor dun mes. Como tiñamos marcado no calendario de outubro o día que vendimaramos, comezamos a riscar e contar os días que levaba o mosto fermentando. Unha vez rematamos tivemos que continuar contando no de novembro e resultou que xa pasaran 37 días! Iso era máis dun mes! Tiñamos que facer algo co noso viño!

Consultando un papel que nos trouxo Leo no que o proceso de elaboración do viño estaba moi detallado, descubrimos que só nos faltaba filtralo e embotellalo e puxémonos mans á obra. 

Na fábrica había dúas bandexas unha que dicía FILTRADO e outra EMBOTELLADO. Tivemos que lelas e adiviñar o que había que facer en cada unha. Por pequenos grupos, fomos filtrando o mosto pasándoo por un coador moi despaciño e, despois, embotellámolo. Como a botella era moi estreita empregamos un aparello que se chamaba embude. Isto foi moi emocionante... Caberá todo dentro da botella ou non? Fixemos diferentes estimacións... Parecía que si pero ó final... Botouse un chisquiño por fóra!



Mentres tanto Leo converteuse en director da fábrica e foi supervisando todo o que facíamos con moita atención e, cando unha tarefa xa estaba conseguida, marcábaa cunha cruz.


Por último, puxémoslle o tapón para pechar a botella. Agora só nos queda por pensar un nome para o viño e etiquetalo. Prestade moita atención que pronto volo contaremos!


martes, 26 de noviembre de 2019

CONTAMOS CONTIÑOS: VIVAN AS UÑAS DE CORES!!!!

Con motivo da conmemoración do Día Internacional Contra a Violencia de Xénero, a profe Sara preparou para o alumnado de Infantil o conto "Vivan as uñas de cores!!!", adaptado ó galego.
 Despois de escoitar o conto, nas aulas cada nena e neno pintou as uñas da súa cor ou cores favoritas.  E incluso fixeron uñas de plastilina. Que divertido!!!!

E A PEDRA NUN TELLADO MORADO MORADO MORADO

En 4º de infantil seguimos aprendendo as cores e experimentando con elas. O morado é a cor do tellado do conto pero tamén das uvas e das mans moradas contra a violencia de xénero!
Na aula da Raposa Marosa conmemoramos o 25N participando na realización do mural #equaliter2019 no que participaron moitísimos coles de toda Galicia (tedes toda a información na entrada anterior).
Para facer o mural empregamos témpera de cor rosa e azul, que por arte de máxia se converteu en morada. Mirade!
Pero como todas as semanas tamén pintamos, neste caso, o tellado do conto Crocodilo.
 E tamén comezamos a elaborar un xogo que acabará nas casas de todas as nenas e nenos... pero teredes que ter paciencia, quizáis non podades velo rematado ata o segundo trimestre. Polo de agora só podemos ensinarvos o inicio deste proceso... que será?
 E como xa sabedes fixemos varios murais empregando a cor morada. Nun usamos corchos para pintar as uvas dos acios e noutro diversos materiais plásticos para practicar tamén as liñas rectas!
Encántanos o morado! Ata a vindeira entrada!

domingo, 24 de noviembre de 2019

25 N #equaliter

Con motivo da conmemoración do Día Internacional contra a Violencia de Xénero, decidimos participar con outros colexios na actividade titulada #equaliter.

Despois de traballar o tema co alumnado de diferentes maneiras, comezamos a facer o mural. Primeiro os de 3 aniños, escoitaron o conto "Los colores", despois decidimos facer maxia coas nosas mans, colocamos témpera azul nunha e rosa en outra e mezclamos, e....de repente conseguimos a cor violeta e estampámola dentro do noso paxariño, mirade como quedou:


As nenas e nenos de 4 anos decidiron pintar o fondo do mural, collemos un papel continuo azul escuro, témpera blanca e rosa e unha pelota. Mollamos a pelota na pintura e despois lanzámola por riba do papel dun lado a outro, pasámolo xenial e mirade que ben quedou.


E xa para rematar, chegoulle o turno aos da clase de 5 anos, como son os maiores de infantil, escribiron as letras para o mural e pintáronas e tamén gravaron a frase que nos tocou decir. Fixérono moi ben,

Cando secaron as letras pegáronas no mural. Este foi o noso resultado:

E aquí o vídeo de todos os colexios que participaron. Esperamos que vos guste.


jueves, 21 de noviembre de 2019

AS LIÑAS RECTAS NA CLASE DA RAPOSA MAROSA

A semana pasada, na clase da Raposa Marosa, fixemos moitísimas liñas rectas. Para comezar a traballalas preguntamos na asamblea quen sabía algo sobre estas misteriosas liñas... moitas nenas e nenos fixeron liñas rectas no aire, outras no chan, algúns atoparon liñas rectas na aula e Mateo comentounos algo moi interesante, que ademais pensamos que é moi importante que o sepades todas as mamás, papás, avós, avoas, tías e tíos... CANDO NA ESTRADA HAI LIÑAS RECTAS NON SE PODE ADIANTAR!
Unha vez identificamos as liñas rectas fixemos un montón delas con cordas e camiñamos moi amodiño para non facer ningunha curva. Como na clase non temos moito sitio, coa axuda da profe Lucía, continuamos a actividade no ximnasio. Mirade, mirade!

 Para continuar vivenciando o concepto fixemos un montón de rectas no encerado empregando xiz de cores, e tamén, por equipos e seguindo os caminiños das cordas, fixemos liñas rectas con diferentes materiais da aula (pezas de construcción, coches, legos, alimentos da cociniña...)
 E como todas as semanas fixemos un mural, de cor morado, cheo de liñas rectas. Para facelo empregramos diferentes materiais plásticos e de escritura: rotuladores, ceras e rodillos con témpera morada.
 As liñas rectas tamén aparecen nos momentos de lecer (empregando pinchitos, cando xogamos nos recunchos...) e tamén cando facemos traballo individual, como no que tiñamos que unir os números 1, 2 e 3 cos personaxes dos contos.
 E por último probamos a facer un traballo de maiores... recortamos papeis de colores coas tesoiras!
Xa sabemos que é moi perigoso usar as tesoiras solos por iso recortamos un por un e coa axuda das mestras, intentando seguir as liñas marcadas nos papeis. Foi moi difícil pero mirade que ben nos quedou!
 Agardamos que vos guste moito todo o que fixemos, ata a vindeira entrada!

miércoles, 13 de noviembre de 2019

CONTANDO UVAS E MÁIS UVAS

Cantas uvas xuntamos para facer a vendima na escola! E non todas foron pisadas! Na aula do Oso Urso empregamos algún acio para exercitar o noso pensamento matemático. 

Primeiro, clasificámolas por cores e contamos. Comparamos o prato das uvas brancas e o das uvas tintas: En cal hai máis? Que prato ten menos? Tamén operamos quitando e poñendo uvas: Cantas uvas había antes? Cantas hai agora? Cantas hai que poñer para que haxa as mesmas nos dous pratos? Despois, rexistramos as cantidades empregando un gráfico baseado no libro da vendima do blog AULA TIC


Tamén estimamos a cantidade de uvas que tiña un acio de uvas brancas moi pequeniñas. As cantidades que dixemos foron moi variadas e ó final resultou ter 68 uvas! Os que máis se acercaron á cantidade real foron os nenos que dixeron 39! Foi moi emocionante sacar do acio e contar tantas uvas! Tamén foi moi traballoso! Menos mal que o fixemos en equipo!


Por último xogamos a subitizar cantidades máis pequenas de uvas. Este xogo foi moi divertido porque só podíamos ver as uvas do prato uns segundiños e despois tiñamos que sinalar na recta numérica a cantidade que había e isto dásenos moi ben! 





Mentres tanto o mosto segue a fermentar na nosa aula... De cando en vez remexémolo un pouquiño e cheirámolo, aínda que a algúns non nos gusta nada! Estade moi atentos que pronto vos contaremos novidades!


E O CASTELO NUNHA PEDRA NENGRA NEGRA NEGRA

Na aula da Raposa Marosa continuamos traballando co conto Crocodilo, nesta ocasión coa pedra negra... e que ben nos ven esta cor para celebrar a festa do Samaín!

Ademáis de decorar o cole con cabazas, monstros e bruxas, tamén decoramos a nosa clase cunhas arañeiras moi especiais. Para elaboralas empregamos oveiras, témpera negra e branca e canicas... mirade como fixemos!

Primeiro pintamos as oveiras cos pinceis e a témpera negra.

 Despois elaboramos a arañeiras pintando con canicas e témpera branca sobre unha cartolina negra. Para meter as canicas na bandexa usamos unha culler... que difícil, eran moi escorregadizas!


Pero que divertido foi pintar coas canicas, mirade!


E por último, coa axuda das mestras montamos as arañas e as arañeiras!


Gústanvos? pois fixemos moitas outras tarefas empregando a cor negra, unha delas foi elaborar a páxina do que será o noso conto de Crocodilo empregando papel de seda negro.


As demais actividades coa cor negra teñen que ver coa luz e as sombras, pero esas deixámolas para a vindeira entrada do blog. Biquiños e apertas!

viernes, 8 de noviembre de 2019

DÍA DE MAGOSTO

Onte celebramos no cole o magosto, os máis pequenos pasámolo xenial. Primeiro fixemos xogos con castañas e despois degustámolas. QUE RICAS!!!!