Mostrando entradas con la etiqueta Montañas do Courel.Un Xeoparque moi humano. Mostrar todas las entradas
Mostrando entradas con la etiqueta Montañas do Courel.Un Xeoparque moi humano. Mostrar todas las entradas

miércoles, 13 de mayo de 2020

URSO, VIEIROS E MAROSA RECOMENDAN: UN CONTO CADA DÍA

O CONTO DE HOXE É: A PRINCESA DO CAUREL

Autor: Patacrúa   Ilustración: Javier Solchaga


Vídeo elaborado polas nenas e nenos de 5 anos da EEI de Milladoiro

Tamén vos deixamos a curtometraxe do conto, se pinchades aquí OS CONTOS DO CAMIÑO, podedes velo.

BREVE INFORMACIÓN DO CONTO: A princesa do Caurel é unha versión moderna dun conto popular presente -con moitas versións diferentes- en diversas tradicións folclóricas europeas. Trátase do que se chama un conto acumulativo, a base de preguntas e respostas rimadas, cuxa función é axudar aos nenos de 3 a 7 anos de idade a exercitar a memoria e a fixar a atención a través dun xogo mnemotécnico.

ACTIVIDADES RELACIONADAS: hoxe deixámosvos un miniproxecto de elaboración propia  sobre o conto, pero tamén, xogos imprimibles, manualidades, e un pequeno traballiño sobre o Proxecto "Montañas do Courel, un xeoparque moi humano" e para rematar a canción do conto. Agardamos que o pasedes xenial!

Preme na imaxe para poder descargar o PDF coas actividades impresas.

As ilustracións do conto, realizadas por Javier Solchaga, consisten en reproduccións fotográficas de figuras tridimensionais elaboradas con material de refugallo: pezas de madeira, arames, botellas...Animádesvos a facer á princesa con materiais de refugallo que atopedes pola casa??

E xa que a nosa princesa recuperou o anel, agora tócavos completar o seu tesouro, facendo pulseiras e colares con macarróns. Premendo na imaxe podedes ver como facelas.


Como sabedes as nosas mascotas son 3 animaliños que viven nas montañas do Courel. A raposa Marosa, o corzo Vieiros e o oso Urso. Con elas fomos aprendendo moitas cousas sobre o Xeoparque, ata nos fixeron un libriño de fotos dos seus lugares favoritos das nosas montañas. Se queredes velo premede na imaxe.

E aproveitando este conto, deixámosvos un pequeno proxectiño de elaboración propia sobre o territorio Xeoparque.
Preme na imaxe para poder descargar o PDF coas actividades impresas.
Tamén vos deixamos un xogo de lectoescritura que podedes facer vos na casa con vocabulario do Xeoparque.

E para rematar, un pouco de música, cantando a canción do conto.

lunes, 11 de mayo de 2020

URSO, VIEIROS E MAROSA RECOMENDAN: UN CONTO CADA DÍA


O CONTO DE HOXE É: OSO ATRAPABOLBORETAS

Autora: Susanna Isern  Ilustradora: Marjorie Pourchet

Editado en galego por OQO Editora 


BREVE INFORMACIÓN DO CONTO: Oso atrapabolboretas é un libro sobre a bondade, e no que se nos amosa que moitas veces as aparencias enganan. Tanto o ganapán (un instrumento para capturar bolboretas) como o oso (un animal enorme e de aparencia feroz) son en realidade un obxecto que se empregará para axudar ás bolboretas e un animal bondadoso que se encargará de rescatalas cando caen ao lago… e toda esa bondade terá a súa recompensa.


ACTIVIDADES RELACIONADAS: Aquí vos deixamos as propostas para traballar o conto. Un pequeno proxecto e unha actividade de arte e simetrías, elaborados por nós e tamén varias manualidades divertidas para facer bolboretas, e un xogo co que agardamos o pasedes xenial.
Preme na imaxe para acceder ao PDF do proxecto.


E preme tamén na imaxe para descargar as bolboretas para a actividade de arte e simetrías.


I THE BEST IDEAS FOR KIDS: Se premedes enriba da imaxe accederedes á web onde podedes ver paso a paso como se fai esta bolboreta empregando as vosas mans.


E en Pinterest atopamos esta bolboreta en movemento que vos vai a encantar. Deixámosvos un vídeo explicativo para que podades ver o paso a paso. Premede na imaxe!


E por último aquí tedes o xogo: AO RESCATE DAS BOLBORETAS. Agardamos que o pasedes xenial. Premede na imaxe para vela máis grande e descubrir como se xoga.

miércoles, 1 de abril de 2020

MISIÓN HIBERNACIÓN

Bos días a todos e todas!

Levamos unha chea de días sen vernos e botámonos moito de menos... Pero xa sabemos que estamos a cumprir unha misión moi importante, a de quedar na casa, e ademais, estámolo facendo xenial!

Por iso queremos transmitirvos unha mensaxe de cariño e ánimo utilizando os debuxos que fixestes do noso OSO URSO! Premede na imaxe para velos todos!


Tamén vos deixamos estoutra versión para colorear por se vos apetece facer novas creacións. Sodes grandes artistas!


Moitas grazas ós nenos e nenas da clase de Urso pola súa creatividade. Estamos desexando vervos de novo! Unha aperta!

viernes, 13 de marzo de 2020

AS NOSAS MASCOTAS DE VISITA POLO XEOPARQUE

Onte pola mañá as tres aulas de infantil recibiron unha carta cunha invitación por parte das súas mascotas para asistir á aula común a ver un albume de fotos que foron facendo Urso, Marosa e Vieiros dos seus lugares preferidos do Xeoparque.
Aprendemos moitas cousas e gustounos moito.





Se queredes ver a presentación podedes premer na seguinte imaxe. Agardamos que vos guste!

sábado, 7 de diciembre de 2019

O MOSTO CONVERTEUSE EN VINAGRE

Noutra entrada do blog xa vos ensinamos como embotellamos o viño na aula do Oso Urso. Unha vez rematado ese proceso, precisábamos escollerlle un nome e etiquetalo. 

Unha mañá, ulímolo de novo para buscar inspiración e... Que sorpresa! Non ulía a viño! Fixéramos VINAGRE! Conversando e conversando, descubrimos porque non nos saíra o viño: os recipientes nos que fermenta deben ser de madeira, barro ou metal e o noso era de cristal! Entón collemos de novo a lista dos pasos que se deben seguir para facer viño e, entre todos, escribimos NON na fase da fermentación, porque era na que fallaramos. Somos uns investigadores e investigadoras xeniais!


Algúns trouxemos da casa etiquetas moi chulas para o viño pero, como tiñamos vinagre, non nos valían. Aínda así, probamos a poñelas na botella porque nos esforzamos moito e facíanos ilusión. Mirade que bonitas!


Despois, puxémonos mans á obra. Comezamos facendo propostas de nomes para o vinagre e, unha vez escribimos todas no encerado, cada un foi poñendo unha marquiña debaixo da que máis nos gustaba pero antes tiñamos que ler en alto o que dicía alí para estar seguros e seguras de que non nos equivocábamos. Despois fomos contando as marcas e escribindo o número de marcas que había e... Gañou o nome "VINAGRE COLE DE QUIROGA" con 8 votos!


Outro día, creamos as etiquetas para o noso vinagre, escribindo o nome elixido e debuxando uvas. Nisto xa somos uns expertos e expertas. Mirade canta variedade de deseños!


Pero como só tiñamos unha botella e había 18 etiquetas era necesario escoller unha. Unha vez máis, fixémolo por votación. Un por un fomos colocando un policubo debaixo da etiqueta que máis nos gustaba, sen saber de quen era, recontamos e... Eliximos a de Inyanara! Tamén con 8 votos!



Unha vez reducido o tamaño da etiqueta, pegámolo na botella e só nos quedaba pensar que facer con el. Algúns e algunhas queríamos vendelo pero non nos poñíamos de acordo co prezo. Entón, César tivo unha idea moi boa: levárllelo aos cociñeiros Jorge e Fina. Pero que día o podíamos levar? Estaba claro! Cando tocara xantar ENSALADA! 

E así o fixemos. O pasado xoves levamos a botelliña para o comedor e Fina e Jorge agradecéronolo moito. Pola tarde, Jorge devolveunos a botella baleira. Ese día a ensalada tivo un sabor moi especial: SABOR A VINAGRE COLE DE QUIROGA!




miércoles, 27 de noviembre de 2019

FILTRADO E EMBOTELLADO

Hai tempo que na aula do Oso Urso comezamos a preguntarnos que podíamos facer co mosto que estaba a fermentar. Levaría xa demasiados días? Estaría estragado? Precisaríamos máis tempo? Como non tiñamos na clase ningún experto en vendima decidimos escribir unha carta para pedir axuda ás nosas familias. 


Na casa, preguntamos e investigamos e case todos coincidimos en que o viño debía fermentar arredor dun mes. Como tiñamos marcado no calendario de outubro o día que vendimaramos, comezamos a riscar e contar os días que levaba o mosto fermentando. Unha vez rematamos tivemos que continuar contando no de novembro e resultou que xa pasaran 37 días! Iso era máis dun mes! Tiñamos que facer algo co noso viño!

Consultando un papel que nos trouxo Leo no que o proceso de elaboración do viño estaba moi detallado, descubrimos que só nos faltaba filtralo e embotellalo e puxémonos mans á obra. 

Na fábrica había dúas bandexas unha que dicía FILTRADO e outra EMBOTELLADO. Tivemos que lelas e adiviñar o que había que facer en cada unha. Por pequenos grupos, fomos filtrando o mosto pasándoo por un coador moi despaciño e, despois, embotellámolo. Como a botella era moi estreita empregamos un aparello que se chamaba embude. Isto foi moi emocionante... Caberá todo dentro da botella ou non? Fixemos diferentes estimacións... Parecía que si pero ó final... Botouse un chisquiño por fóra!



Mentres tanto Leo converteuse en director da fábrica e foi supervisando todo o que facíamos con moita atención e, cando unha tarefa xa estaba conseguida, marcábaa cunha cruz.


Por último, puxémoslle o tapón para pechar a botella. Agora só nos queda por pensar un nome para o viño e etiquetalo. Prestade moita atención que pronto volo contaremos!


miércoles, 13 de noviembre de 2019

CONTANDO UVAS E MÁIS UVAS

Cantas uvas xuntamos para facer a vendima na escola! E non todas foron pisadas! Na aula do Oso Urso empregamos algún acio para exercitar o noso pensamento matemático. 

Primeiro, clasificámolas por cores e contamos. Comparamos o prato das uvas brancas e o das uvas tintas: En cal hai máis? Que prato ten menos? Tamén operamos quitando e poñendo uvas: Cantas uvas había antes? Cantas hai agora? Cantas hai que poñer para que haxa as mesmas nos dous pratos? Despois, rexistramos as cantidades empregando un gráfico baseado no libro da vendima do blog AULA TIC. 


Tamén estimamos a cantidade de uvas que tiña un acio de uvas brancas moi pequeniñas. As cantidades que dixemos foron moi variadas e ó final resultou ter 68 uvas! Os que máis se acercaron á cantidade real foron os nenos que dixeron 39! Foi moi emocionante sacar do acio e contar tantas uvas! Tamén foi moi traballoso! Menos mal que o fixemos en equipo!


Por último xogamos a subitizar cantidades máis pequenas de uvas. Este xogo foi moi divertido porque só podíamos ver as uvas do prato uns segundiños e despois tiñamos que sinalar na recta numérica a cantidade que había e isto dásenos moi ben! 





Mentres tanto o mosto segue a fermentar na nosa aula... De cando en vez remexémolo un pouquiño e cheirámolo, aínda que a algúns non nos gusta nada! Estade moi atentos que pronto vos contaremos novidades!


domingo, 27 de octubre de 2019

PÁMPANOS E ACIOS

Na aula do Oso Urso continuamos a aprender moito sobre as uvas. Xa sabemos que nacen en vides ou parras e que esas plantas teñen unhas follas que se chaman pámpanos. 

Primeiro tomamos contacto cos pámpanos empregando soamente o sentido do tacto. Tratamos de adiviñar que estamos a tocar e falamos das sensacións que nos producen.




Logo tomamos mostras dos pámpanos nun papel, colocándoos debaixo e arrastrando as ceras con moito coidadiño ata que as formas e o relevos do pámpano escondido van aparecendo. Tamén practicamos un pouquiño de grafo debuxando os bucles dos gabiáns. Para rematar, escribimos as novas palabras que aprendemos.


Ademais, aprendemos que as uvas se agrupan en acios e fixemos os nosos propios acios con plastilina. Mirade que chulos!



lunes, 21 de octubre de 2019

A RAPOSA E AS UVAS

Aquí vos deixamos un pouquiño de literatura. Na aula do Oso Urso aproveitamos a temática da venidma para contar e dramatizar a clásica fábula de Esopo "A raposa e as uvas". Despois, creamos unhas ilustracións moi imaxinativas con moito esmero. Agardamos que vos gusten!