Mostrando entradas con la etiqueta ciencia. Mostrar todas las entradas
Mostrando entradas con la etiqueta ciencia. Mostrar todas las entradas

lunes, 30 de noviembre de 2020

SEMANA CIENTÍFICA DE VIEIROS, MAROSA E MARTIÑO

O mes de novembro celébrase o mes da ciencia en galego nas bibliotecas, así que a semana pasada en infantil fixemos unha morea de experimentos científicos. Queredes ver o ben que o pasamos e todo o que aprendimos? Pois prestade moita atención e mesmo poderedes repetir na casa os que máis vos gustaron!

O OVO SALTARÍN
Que pasará se deixamos un ovo 48 horas nun frasco de cristal cheo de vinagre? Nas aulas do Corzo Vieiros, a Raposa Marosa e o Esquío Martiño quixemos descubrilo e... Sabedes que pasou? Que cando o sacamos e o lavamos o ovo rebotou! Mirade as fotos e os vídeos! Foi moi divertido!




OVO FRITIDO SEN SARTÉN
Como os ovos saltaríns acabaron rompendo de tanto rebotar aproveitámolos para facer un novo experimento... Cubrímolos de alcohol e... A clara volveuse branca! Parecía un ovo fritido! Aínda que xa sabemos que non se pode comer! 


NEVE ARTIFICIAL
E sabedes como podemos refrescarnos un pouco nestas tardes de outono tan calorosas? É fácil só precisamos un cueiro e auga para facer neve artificial! Abrímolo, quitamos as partículas absorbentes, botámoslles auga e...Mirade! Ata parece que está fría e todo!



O OVO INDESTRUCTIBLE
Ademais, dos tres que xa vos contamos, na clase do Esquío Martiño fixemos outro experimento máis. Metimos un ovo nunha bolsa con auga e outro nunha bolsa con auga e sal. Despois tirámolos dende unha altura de 50 centímetros e... O que tiña sal non rompeu! Era indestructible!


MINI ARCO DA VELLA DE DENSIDADES
Recordades o Arco da Vella de Densidades que fixestes na corentena? Pois na clase do Corzo Vieiros fixemos unha versión reducida. Intentamos mesturar aceite e auga con colorante azul pero por máis que o axitamos sempre sempre se acababan separando!


Se queredes ver máis fotos científicas premede nas seguintes imaxes e accederedes aos álbum de imaxes. Agardamos que vos gusten!

Para ver as fotos dos nenos e nenas do Esquío Martiño premede NA SEGUINTE IMAXE.


Para ver as fotos dos nenos e nenas da Rapoda Marosa premede NA SEGUINTE IMAXE.


Para ver as fotos dos nenos e nenas do Corzo Vieiros premede NA SEGUINTE IMAXE.


Ata a próxima entrada! Un aperta!

domingo, 7 de junio de 2020

OS VOSOS TRABALLOS

Bos días a todos e todas! Esperamos que esteades pasando unha boa fin de semana! Hoxe imos mostrarvos algunhas das fotos que nos enviastes esta semana. A nós encantáronnos seguro que a vós tamén vos gustarán!

Leo e Valentina fixeron arte e ciencia con auga, cores, xeo e algodón... Pasárono moi ben e mirade que composicións tan coloridas e bonitas! 





Vega e Nora experimentaron co Arco da Vella de Densidades. Que divertida é a ciencia! 



E Ainoa, Diego e Nora seguiron contando contos, completando as fichas e creando personaxes! Que bo traballo!



Moitas grazas por seguir aí! Mañá haberá novas sorpresas! Estade moi pendentes!

viernes, 5 de junio de 2020

A SEMANA CIENTÍFICA DE URSO, VIEIROS E MAROSA


Xa é venres! Que tal a vosa semana científica? Agardamos que o pasarades xenial investigando e facendo os experimentos que vos propuxemos. Pero aínda queda un pouquiño máis que investigar esta semana! Esta vez unimos Ciencia e Arte para realizar unhas propostas moi divertidas que fomentarán a vosa creatividade. Mirade, mirade!

PINTURA CON XEO… A AUGA XA NON É LÍQUIDA, TRANSFORMOUSE EN SÓLIDA!

Lembrades o experimento do luns, no que mesturabamos líquidos de diferentes densidades? Pois agora ides descubrir como un líquido se converte en sólido… O XEO!
Para facer estas pinturas de xeo precisaremos un liquido que todos temos na casa, a auga. Pero como queremos empregala para pintar e facer orixinais obras de arte, imos a transformala nun sólido.


Para logralo precisaremos unhas cubiteiras que encheremos de auga.

En cada cubiño poñeremos unhas pingas de colorante alimentario* (emprega varias cores, e se tes pouquiñas lembra que podes mesturar pingas de cores distintas como por exemplo a amarela e a vermella, así conseguirás unha pintura de xeo laranxa), faino amodiño!

                                                * (Podes cambiar o colorante alimentario por témperas de cores)

Unha vez coloreada a auga metemos a cubiteira no conxelador (podes poñer uns paus para facilitar o emprego das pinturas, pero se non os pos tamén se poden usar) e… paciencia porque temos que conseguir que a auga (que agora está líquida) se conxele e se converta en sólida (xa veredes que dura e fría está).

Para poder pintar coas pinturas de xeo tedes que esperar ata o día seguinte. Cando saques a cubiteira do conxelador a auga xa estará convertida en xeos de cores e poderás colorear folios, cartolinas e ata papel absorbente de cociña. Seguro que o pasaredes xenial!

PINTURA ABSORBENTE CON ALGODÓN: E mentres agardades a que faga o xeo, aquí tedes outra proposta, pintar algodón absorbente!

Algúns materiais sólidos como o algodón, as esponxas ou o papel de cociña son absorbentes. Pero que é iso de absorbente? Pois moi sinxelo, os materiais absorbentes como o algodón atrapan os líquidos… como se os beberan! Si si, por iso cando nos cae algo de auga na mesa usamos o papel de cociña para secala.

Hai outros materiais sólidos, como o plástico ou o vidro que non son absorbentes, se vos cae a auga na mesa e tentades limpala cun plástico, o único que faredes é espallar a auga por toda a mesa. Probade vós a secar auga cun plástico e cun pouco de papel de cociña… cal dos dous materiais absorbeu a auga? Pois ese é o material sólido absorbente!

E como xa sabemos o que é “absorbente” imos a divertirnos e explorar para crear obras de arte!


Premede na imaxe de arriba para ver ben que materiais precisades e comezamos! Se empregades unha bandexiña evitaredes mollar todo pero se facedes este experimento de arte no chan da terraza ou no campo podedes facelo directamente sobre unha cartolina ou cartón.

Primeiro, podedes facer unha composición co algodón ou os discos desmaquillantes (na imaxe vedes unha árbore pero podedes crear o que queirades, ou espallar o algodón libremente). Logo nuns vasiños botades auga cun pouquiño de témpera de cores ou colorante…

E xa podedes experimentar! Con unha pipeta, xiringa ou pincel ides mollando os algodóns coa auga de cores, e mirade! O algodón absorbe a auga que ides botando e coloréase… que ganas de ver as vosas obras de arte absorbentes!

Agardamos que o pasedes xenial con estas propostas, ata o luns!

Estes experimentos están recollidos en “Experiencias y experimentos. 50 actividades sensoriales para entretenerse en casa” de @diverbichillos

jueves, 4 de junio de 2020

A VOSA CIENCIA

Boas tardes a todos e todas! Que fácil e divertido é facer ciencia na casa! Por aquí vos deixamos algunhas fotos dos vosos experimentos. Kendra, Claudia, Ainoa, Leo e Valentina animáronse a crear Arcos da Vella con líquidos de diferente densidade. Mirade que curiosos! 









Ademais, Leo e Valentina tamén se animaron a crear o microscopio de virus e... De moito máis! Agardamos que o pasarades ben e aprenderades moito! 



Moitas grazas por compartir a vosa ciencia! Seguide moi pendentes... A semana da ciencia aínda non rematou!

martes, 2 de junio de 2020

A SEMANA CIENTÍFICA DE URSO, VIEIROS E MAROSA


Xa estamos de volta! Que tal o pasastedes co experimento do “Arco da Vella de Densidades”? Aprendestes moitas cousas? Seguro que a vosa investigación foi de Premio Nobel! E seguro tamén que tedes ganas de seguir experimentando, non si?

Pois imos alá! A proposta de hoxe transformaravos en científicas e científicos de laboratorio e… que hai en todos os laboratorios? Pois un microscopio! Si si, a nosa actividade de hoxe é que elaboredes o voso propio microscopio para que poidades descubrir un montón de cousas, mirade!

EXPERIMENTO 2 – MICROSCOPIO DE VIRUS… E MOITO MÁIS!

Como sabedes, científicas e científicos de todo o mundo están investigando moitísimo para atopar a vacina do coronavirus. Nós non podemos axudalos porque teríamos que estudar moitos anos e aprender un montón de ciencia antes, pero podemos ir empezando a practicar co noso propio microscopio caseiro. Premede na imaxe de abaixo e apuntade os materiais que precisades!


Para poder usar o microscopio tedes que imprimir (podedes atopar os imprimibles no PDF das fichas técnicas que vos deixamos máis abaixo) ou debuxar e pintar vós un montón de virus, xermes e bacterias.


Despois pegades o papel debaixo da bandexa de vidro ou plástico transparente (é importante que sexa debaixo para que non se molle), e enchemos a bandexa de auga con colorante alimentario negro ou un pouquiño de témpera negra.

A continuación metemos o vaso e movémolo polo fondo para atopar os debuxos.

Como vos dixemos é un microscopio de virus… e máis! Polo que tamén podedes debuxar animais mariños, planetas, plantas… así converterédesvos en biólogas e biólogos mariños, astronautas, botánicas e botánicos… Deixade voar a vosa imaxinación e debuxade todo o que vos apeteza descubrir co voso microscopio!

Premede na imaxe de abaixo para descargar o PDF cos imprimibles e as fichas técnicas deste experimento.


Ah! E como lembraredes as nenas e nenos da clase do Oso Urso tamén podedes probar a poñer unha ecografía en lugar dun debuxo, xa veredes que sorprendente! Ou escribir un montón de letras ou unha palabra secreta que tedes que ir vendo co vaso… probade todo o que queirades. Agardamos que o pasedes xenial!

Este experimento está recollido en “Experiencias y experimentos. 50 actividades sensoriales para entretenerse en casa” de @diverbichillos

domingo, 31 de mayo de 2020

A SEMANA CIENTÍFICA DE URSO, VIEIROS E MAROSA


Comeza o mes de Xuño e Urso, Vieiros e Marosa queren propoñervos varios retos científicos!

A Ciencia está ao noso redor e todos vós xa fixestes un montón de experiencias ao longo destes meses (o bote da calma, a elaboración de tinta invisible, chuvia con espuma e colorante, o experimento dos virus con pementa…).

Por iso as nosas mascotas pensaron que o pasariades xenial descubrindo un montón de cousas novas! Estades preparados para convertervos en grandes científicas e científicos? Aquí vos deixamos o primeiro experimento!

E atentos! podedes cubrir as fichas técnicas que vos deixamos para imprimir. Así  recordaredes como se fan e anotaredes as vosas impresións! A divertirse coa Ciencia!

EXPERIMENTO 1 – ARCO DA VELLA DE DENSIDADES

Este experimento quere amosarnos que non todos os líquidos pesan o mesmo, uns son máis densos e outros menos. E canto máis densos son máis pesan!


Pero que son os líquidos? O leite, a auga, o mel, o suavizante da roupa… Son substancias líquidas. Son escorregadizas (é moi difícil atrapalas coas nosas mans) e ademais adáptanse á forma dos obxectos que as conteñen. Por exemplo, se metemos auga nunha botella adáptase a esa forma enchendo todos os oquiños… se a metemos nun vaso ou nun cubo da praia ou nunha copa alongada adaptarase tamén a esas formas.


Pois ben, imos a comprobar que pasa se mesturamos líquidos con distintas densidades… Comezamos! Premede na imaxe de arriba para ver os materiais que precisas para este experimento.

Nun frasco ou botella de vidro metemos os líquidos de distinta densidade na seguinte orde:
  1. Metemos un pouquiño de mel
  2. Despois un pouquiño de lavavaixelas líquido
  3. Agora auga cun pouquiño de colorante vermello (para poder distinguila despois)
  4. Seguido un pouco de aceite (pode ser de xirasol ou de oliva)
  5. E por último o alcohol cunha pinga de colorante azul

Xa están todos os líquidos dentro da botella, verdade que non queda ningún oquiño baleiro entre eles? Pois ben, agora tes que deixalo repousar uns minutos e… CIENCIA! Seguro que podes ver perfectamente cada líquido separado dos outros. O que está abaixo é o que máis pesa (é o máis denso) e o que ten menos densidade (o que menos pesa) queda arriba de todo! Fíxate.

Investiga máis… como podedes ver, os líquidos da botella ocuparon todo o seu espazo, sen ocos no medio. Agora podes probar a meter garabanzos nun vaso ou frasco de vidro… quedan ocos entre eles? Os garabanzos son líquidos?


Premede na imaxe de arriba para descagar o PDF coas fichas técnicas.

Este experimento está recollido en “Experiencias y experimentos. 50 actividades sensoriales para entretenerse en casa” de @diverbichillos