lunes, 30 de noviembre de 2020

SEMANA CIENTÍFICA DE VIEIROS, MAROSA E MARTIÑO

O mes de novembro celébrase o mes da ciencia en galego nas bibliotecas, así que a semana pasada en infantil fixemos unha morea de experimentos científicos. Queredes ver o ben que o pasamos e todo o que aprendimos? Pois prestade moita atención e mesmo poderedes repetir na casa os que máis vos gustaron!

O OVO SALTARÍN
Que pasará se deixamos un ovo 48 horas nun frasco de cristal cheo de vinagre? Nas aulas do Corzo Vieiros, a Raposa Marosa e o Esquío Martiño quixemos descubrilo e... Sabedes que pasou? Que cando o sacamos e o lavamos o ovo rebotou! Mirade as fotos e os vídeos! Foi moi divertido!




OVO FRITIDO SEN SARTÉN
Como os ovos saltaríns acabaron rompendo de tanto rebotar aproveitámolos para facer un novo experimento... Cubrímolos de alcohol e... A clara volveuse branca! Parecía un ovo fritido! Aínda que xa sabemos que non se pode comer! 


NEVE ARTIFICIAL
E sabedes como podemos refrescarnos un pouco nestas tardes de outono tan calorosas? É fácil só precisamos un cueiro e auga para facer neve artificial! Abrímolo, quitamos as partículas absorbentes, botámoslles auga e...Mirade! Ata parece que está fría e todo!



O OVO INDESTRUCTIBLE
Ademais, dos tres que xa vos contamos, na clase do Esquío Martiño fixemos outro experimento máis. Metimos un ovo nunha bolsa con auga e outro nunha bolsa con auga e sal. Despois tirámolos dende unha altura de 50 centímetros e... O que tiña sal non rompeu! Era indestructible!


MINI ARCO DA VELLA DE DENSIDADES
Recordades o Arco da Vella de Densidades que fixestes na corentena? Pois na clase do Corzo Vieiros fixemos unha versión reducida. Intentamos mesturar aceite e auga con colorante azul pero por máis que o axitamos sempre sempre se acababan separando!


Se queredes ver máis fotos científicas premede nas seguintes imaxes e accederedes aos álbum de imaxes. Agardamos que vos gusten!

Para ver as fotos dos nenos e nenas do Esquío Martiño premede NA SEGUINTE IMAXE.


Para ver as fotos dos nenos e nenas da Rapoda Marosa premede NA SEGUINTE IMAXE.


Para ver as fotos dos nenos e nenas do Corzo Vieiros premede NA SEGUINTE IMAXE.


Ata a próxima entrada! Un aperta!

lunes, 16 de noviembre de 2020

MAGOSTO, MAGOSTO!

Que ben o pasamos no magosto que celebramos na escola o pasado martes. As castañas estaban boísimas e, como é tradición, acompañámolas con refresco de laranxa, música e baile! E para levar as castañas fixemos unhas cestiñas reutilizando botellas de plástico. Mirade que ben nos quedaron!







Ademais, nas sesións de psicomotricidade destes días pasámolo moi ben xogando coas castañas. Démoslle de comer ó dinosaurio tragacastañas, saltamos polo camiño de números apañando as castañas, guiamos as castañas co pé sen saírnos da estrada e cruzamos a ponte sen que nos caeran as castañas. Canta destreza e equilibrio temos! Foi moi divertido! 








miércoles, 4 de noviembre de 2020

SAMAÍN COA RAPOSA MAROSA

Boas tardes a todos e todas! Por aquí vos deixamos tamén as arañas de Samaín que vos faltaban por ver, as dos nenos e nenas da clase da Raposa Marosa. Mirade que bocas máis terroríficas e divertidas lles debuxamos ás arañas! Pasámolo moi ben e Marosa está moi contenta de ver o que medramos!
 







lunes, 2 de noviembre de 2020

SAMAÍN CO CORZO VIEIROS

Para os nenos e nenas da aula do Corzo Vieiros o conto Corre, corre cabaciña xa é un clásico! Pero non podemos pasar ningún Samaín sen contalo! Ademais, este curso levamos unha careta moi especial para a casa! A ver se nos recoñecedes!


E tamén fixemos arañas para decorar o corredor. Empregamos pratos de papel, limpapipas e témpera negra. Agardamos que vos gusten! Pronto estarán pola casa para darvos un bo susto! Pero mentres tanto podedes velas aquí.





SAMAÍN CO ESQUÍO MARTIÑO

As últimas semanas nas aulas de infantil fixemos actividades relacionadas co Samaín. Despois de escoitar o conto Corre, corre cabaciña creamos unhas máscaras da "cabaza faladora". Canto nos gustou este conto! Ademais, tamén creamos unhas arañas para decorar o noso corredor, pintando con pincel e témpera negra. Pasámolo moi ben! Aquí vos deixamos as fotos dos nenos e nenas da clase do Esquío Martiño. Mirade que maiores somos xa!