miércoles, 17 de junio de 2020

URSO, VIEIROS E MAROSA DESÉXANVOS UN FELIZ VERÁN

E seguimos xogando para rematar o curso... Como parece que volverá saír o sol, hoxe queremos facervos dúas propostas de xogos moi refrescantes. E por se o ceo se volve cubrir outras dúas para o interior. Agardamos que vos gusten!

BURBUSERPES

Para facer serpes de burbullas coma as da imaxe só precisades unha botella de plástico, un calcetín vello, unha goma elástica (ou corda) e un caldeiro de auga con xabón tipo Fairy. Tedes que cortar o fondo da botella e cubrilo co calcetín procurando que quede o máis tenso posible (axustádeo cunha goma ou unha corda se o vedes necesario). Despois, mollades o calcetín no caldeiro de auga e xabón, soprades forte pola parte de arriba da botella e... Sorpresa! A ver que serpes tan longas conseguides facer! Estamos desexando velas!


Esta activididade e a imaxe foron extraídas do blog One Little Project. Para máis información podedes premer na seguinte ligazón: https://onelittleproject.com/bubble-snakes/

ESCORRER E ENCHER

Para este xogo precisades dous caldeiros, un cheo de auga e outro baleiro, e unha esponxa. Trátase dunha tarefa moi sinxela pero divertida: separamos os dous caldeiros de auga unha distancia determinada (segundo as ganas que teñamos de correr) e, empregando a esponxa, temos que baleirar a auga do caldeiro que está cheo e encher o que está baleiro. Enchoupamos a esponxa, levámola rapidamente ó outro caldeiro e apretámola ata que non lle quede ningunha pinguiña! Podedes cronometrarvos, retarvos a perder a menor cantidade de auga posible, facelo en equipo, contar as viaxes que necesitades facer dun caldeiro a outro... Como se vos ocorra!


Esta activididade e a imaxe foron extraídas do blog The Resourceful Mama. Para máis información podedes premer na seguinte ligazón: https://www.theresourcefulmama.com/fill-the-bucket-outdoor-water-game/


SUDOKU FLORAL

E aquí vai unha proposta para pensar un pouco, un Sudoku Floral. Seguro que todos coñecedes este pasatempo de orixe xaponesa pero recordámosvos as regras. Os catro tipos de flores non poden coincidir na mesma fila en horizontal e vertical, nin no mesmo cadrado. Este é só un exemplo pero podedes facer sudoku con outros elementos que imaxinedes.



E CHEGOU O VERÁN!

E da primavera florida pasamos ó verán! Queremos compartir con vós un caderno de vacacións elaborado no CEIP de Cervo. Moitas grazas! Premede na seguinte ligazón para velo e descargalo. 



No hay comentarios:

Publicar un comentario