domingo, 7 de junio de 2020

A SEMANA MUSICAL DE URSO, VIEIROS E MAROSA


A semana pasada aprendestes un montón de cousas novas experimentando como auténticas científicas e científicos, pero hoxe comeza unha nova semana así que cambiamos a investigación por unhas propostas con moito ritmo… Xa está aquí a semana musical de Urso, Vieiros e Marosa!

Si, encántanos a Música, durante estes meses gozamos coas cancións de Chocolata, El baile del cambio, Pan de Millo, Dime que fixeches, O polo Pepe, Mariluz Avestruz, Peixiños do mar… E as nosas mascotas saben o moito que nos gusta cantar, bailar, descubrir sons… Por iso, esta semana queremos que o pasedes xenial coas actividades musicais que preparamos para vós. Aquí vos deixamos as primeiras!

MEMO AUDITIVO: Para comezar, este memo auditivo que podedes crear con cousiñas que de seguro tedes na casa… Premede na imaxe para ver en grande os materiais que precisades para facelo.



Xa tedes todos os materiais? Pois comezamos. Precisamos que os vasiños de iogurt bebible estean ben limpiños (tamén podedes empregar botellas de batido ou de leite, sempre que sexan opacas, é dicir, que non se vexa o que hai no seu interior).

Agora metemos nas botelliñas, de dúas en dúas, un material distinto: en dúas metemos garavanzos, noutras dúas area, noutras boliñas de papel (que podedes facer con xornais ou catálogos de supermercado), clips...

Nós propuxemos estes materiais pero se hai algún que non teñades podedes cambialo por outro que haxa na casa (lentellas, chinchetas, canicas…) ou ben facer menos botelliñas.

Truco! Non enchades de todo as botellas porque é preciso que quede sitio no interior para que se movan e sonen cando os axitemos.

Por último “pechamos” as botellas empregando globos, fixádevos como está na imaxe!

Importante! para poder facer o memo ten que haber dúas botellas de cada material porque unha vez acabado tedes que emparellar as que pensedes que soan igual… Ese é o reto!

Para saber se fixestes ben o reto podedes marcar a parte de abaixo das botellas cun rotulador permanente. Podedes poñer marcas como formas, letras, cores… Así poderedes comprobar se tivestes acertos con todos os sons.

Outra maneira de complicar máis ou menos o xogo é empregando globos de cores distintas (as botellas co mesmo son terían a mesma cor) ou empregando todos os globos da mesma cor (así é máis complicado e teredes que agudizar o voso sentido do oído).

Atrevédesvos a facer o memo e xogar cos sons? Seguro que o pasaredes xenial!

Este memo auditivo está recollido en “Experiencias y experimentos. 50 actividades sensoriales para entretenerse en casa” de @diverbichillos


DITADO MUSICAL: E se queredes sacarlles máis partido ós vasiños de sons que preparastes, aquí vai outra proposta. Pedídelle a alguén que escolla dous dos vasos e vos dite un ritmo composto por unha sucesión de cinco sons. Cando escoitedes o ritmo completade a ficha coa cor correspondente! Aquí vos deixamos algunha proposta de fichas para completar pero só son unha idea... Podedes adaptar o dictado ó voso gusto! Premede na imaxe para descargalas.


INSTRUMENTOS MUSICAIS CASEIROS: E a outra proposta que facemos hoxe seguro que vos gustará moito… Que vos parecería poder construír os vosos propios instrumentos musicais con materiais de refugallo! Pois no blog “Club Peques Lectores” hai 7 propostas moi sinxelas coas que poderedes gozar da música!

Unha flauta feita con palliñas, unhas maracas con culleres, un tambor cunha caixa de queixiños, un kazoo co tubo do papel de cociña, unha guitarra cunha caixa de cartón, un tambor feito cun bote e un xilófono empregando vasiños.

Premede na imaxe e accederedes a toda a información.


Como sempre vos dicimos, estas son só propostas que vos facemos, pero podedes empregar a vosa imaxinación para construír os instrumentos que máis vos gusten empregando un montón de materiais que podedes atopar na casa ou na natureza! Estamos desexando ver o ben co pasades facendo e interpretando música cos vosos propios instrumentos caseiros!

No hay comentarios:

Publicar un comentario