Xa é venres! Que tal a vosa semana
científica? Agardamos que o pasarades xenial investigando e facendo os
experimentos que vos propuxemos. Pero aínda queda un pouquiño máis que
investigar esta semana! Esta vez unimos Ciencia e Arte para realizar unhas
propostas moi divertidas que fomentarán a vosa creatividade. Mirade, mirade!
PINTURA
CON XEO… A AUGA XA NON É LÍQUIDA, TRANSFORMOUSE EN SÓLIDA!
Lembrades o experimento do luns, no
que mesturabamos líquidos de diferentes densidades? Pois agora ides descubrir
como un líquido se converte en sólido… O XEO!
Para facer estas pinturas de xeo
precisaremos un liquido que todos temos na casa, a auga. Pero como queremos
empregala para pintar e facer orixinais obras de arte, imos a transformala nun
sólido.
Para logralo precisaremos unhas
cubiteiras que encheremos de auga.
En cada cubiño poñeremos unhas pingas
de colorante alimentario* (emprega varias cores, e se tes pouquiñas lembra que
podes mesturar pingas de cores distintas como por exemplo a amarela e a
vermella, así conseguirás unha pintura de xeo laranxa), faino amodiño!
*
(Podes cambiar o colorante alimentario por témperas de cores)
Unha vez coloreada a auga metemos a
cubiteira no conxelador (podes poñer uns paus para facilitar o emprego das
pinturas, pero se non os pos tamén se poden usar) e… paciencia porque temos que
conseguir que a auga (que agora está líquida) se conxele e se converta en sólida
(xa veredes que dura e fría está).
Para poder pintar coas pinturas de xeo
tedes que esperar ata o día seguinte. Cando saques a cubiteira do conxelador a
auga xa estará convertida en xeos de cores e poderás colorear folios,
cartolinas e ata papel absorbente de cociña. Seguro que o pasaredes xenial!
PINTURA
ABSORBENTE CON ALGODÓN: E mentres agardades a que faga o xeo, aquí
tedes outra proposta, pintar algodón absorbente!
Algúns materiais sólidos como o
algodón, as esponxas ou o papel de cociña son absorbentes. Pero que é iso de
absorbente? Pois moi sinxelo, os materiais absorbentes como o algodón atrapan
os líquidos… como se os beberan! Si si, por iso cando nos cae algo de auga na
mesa usamos o papel de cociña para secala.
Hai outros materiais sólidos, como o
plástico ou o vidro que non son absorbentes, se vos cae a auga na mesa e
tentades limpala cun plástico, o único que faredes é espallar a auga por toda a
mesa. Probade vós a secar auga cun plástico e cun pouco de papel de cociña… cal
dos dous materiais absorbeu a auga? Pois ese é o material sólido absorbente!
E como xa sabemos o que é “absorbente”
imos a divertirnos e explorar para crear obras de arte!
Premede na imaxe de arriba para ver
ben que materiais precisades e comezamos! Se empregades unha bandexiña
evitaredes mollar todo pero se facedes este experimento de arte no chan da
terraza ou no campo podedes facelo directamente sobre unha cartolina ou cartón.
Primeiro, podedes facer unha
composición co algodón ou os discos desmaquillantes (na imaxe vedes unha árbore
pero podedes crear o que queirades, ou espallar o algodón libremente). Logo
nuns vasiños botades auga cun pouquiño de témpera de cores ou colorante…
E xa podedes experimentar! Con unha
pipeta, xiringa ou pincel ides mollando os algodóns coa auga de cores, e
mirade! O algodón absorbe a auga que ides botando e coloréase… que ganas de ver
as vosas obras de arte absorbentes!
Agardamos que o pasedes xenial con
estas propostas, ata o luns!
Estes experimentos están recollidos en “Experiencias y experimentos. 50 actividades sensoriales para entretenerse en casa” de @diverbichillos
No hay comentarios:
Publicar un comentario