miércoles, 17 de junio de 2020

URSO, VIEIROS E MAROSA DESÉXANVOS UN FELIZ VERÁN

E seguimos xogando para rematar o curso... Como parece que volverá saír o sol, hoxe queremos facervos dúas propostas de xogos moi refrescantes. E por se o ceo se volve cubrir outras dúas para o interior. Agardamos que vos gusten!

BURBUSERPES

Para facer serpes de burbullas coma as da imaxe só precisades unha botella de plástico, un calcetín vello, unha goma elástica (ou corda) e un caldeiro de auga con xabón tipo Fairy. Tedes que cortar o fondo da botella e cubrilo co calcetín procurando que quede o máis tenso posible (axustádeo cunha goma ou unha corda se o vedes necesario). Despois, mollades o calcetín no caldeiro de auga e xabón, soprades forte pola parte de arriba da botella e... Sorpresa! A ver que serpes tan longas conseguides facer! Estamos desexando velas!


Esta activididade e a imaxe foron extraídas do blog One Little Project. Para máis información podedes premer na seguinte ligazón: https://onelittleproject.com/bubble-snakes/

ESCORRER E ENCHER

Para este xogo precisades dous caldeiros, un cheo de auga e outro baleiro, e unha esponxa. Trátase dunha tarefa moi sinxela pero divertida: separamos os dous caldeiros de auga unha distancia determinada (segundo as ganas que teñamos de correr) e, empregando a esponxa, temos que baleirar a auga do caldeiro que está cheo e encher o que está baleiro. Enchoupamos a esponxa, levámola rapidamente ó outro caldeiro e apretámola ata que non lle quede ningunha pinguiña! Podedes cronometrarvos, retarvos a perder a menor cantidade de auga posible, facelo en equipo, contar as viaxes que necesitades facer dun caldeiro a outro... Como se vos ocorra!


Esta activididade e a imaxe foron extraídas do blog The Resourceful Mama. Para máis información podedes premer na seguinte ligazón: https://www.theresourcefulmama.com/fill-the-bucket-outdoor-water-game/


SUDOKU FLORAL

E aquí vai unha proposta para pensar un pouco, un Sudoku Floral. Seguro que todos coñecedes este pasatempo de orixe xaponesa pero recordámosvos as regras. Os catro tipos de flores non poden coincidir na mesma fila en horizontal e vertical, nin no mesmo cadrado. Este é só un exemplo pero podedes facer sudoku con outros elementos que imaxinedes.



E CHEGOU O VERÁN!

E da primavera florida pasamos ó verán! Queremos compartir con vós un caderno de vacacións elaborado no CEIP de Cervo. Moitas grazas! Premede na seguinte ligazón para velo e descargalo. 



lunes, 15 de junio de 2020

URSO, VIEIROS E MAROSA DESÉXANVOS UN FELIZ VERÁN

Bos días a todos e todas, chegou a última semana de "clase" e para amenizar un pouco este fin de curso tan raro, queremos propoñervos uns xogos cos que agardamos que pasedes un bo anaco en familia. Coma sempre, encantaranos velo aínda que sexa a distancia!

XOGO DA BOTELLA ESPÍA


Para a primeira proposta tan só necesitamos unha botella transparente (a poder ser de plástico), cousiñas pequenas que poidamos meter dentro coma canicas, botóns, moedas... E por último arroz, lentellas, cuscús… Metemos o arroz na botella, xunto coas miniaturas, imprimimos unha foto das cousas que metimos dentro e... A xogar! Teredes que encontrar todas as pezas e ir riscándoas na foto a medida que as atopades. Cos máis maiores pódese facer unha lista cos nomes escritos nun papel para tachar palabras en lugar das imaxes. 


O XOGO DOS BIRLOS

Para xogar a este xogo popular só necesitamos tubos de papel de cociña cortados a diferentes alturas, con números para a puntuación e unha pelota pequeniña. Como xogamos? Podemos xogar coa variante máis tradicional derribando os birlos facendo rodar a pelota pola chan ou podemos facer un reto un pouquiño máis complicado. Cada xogador vai tirando a pelota procurando encestala no oco dos tubos de papel  e  apuntamos o número do oco onde a meteu, logo sumamos todo e o que ten máis, gaña.


O XOGO DOS AROS

Para este xogo tamén necesitamos tubos de papel de cociña, e pratos de cartón cun furado no medio (podemos decoralos de diferentes cores). Como xogamos? Cada xogador ten uns aros para encestar no tubo e o que meta máis gaña.


A PESCAR!

E para a última proposta de hoxe necesitamos un cubo con auga, tapóns e un pauiños. Como xogamos? Collendo un pauiño con cada mau temos que intentar xuntalos para pescar os tapóns. Gaña o que pesque máis.


Isto é todo por hoxe! Xogade moito que o tedes ben merecido despois de tanto esforzo! E seguide moi pendentes do blog que aínda que non poidamos celebrar xuntos estes días tan especiais seguiremos por aquí intentando acurtar as distancias de forma virtual. 

sábado, 13 de junio de 2020

QUE VIVA A MÚSICA!

Bos días a todos e todas! Que ben o pasastes coa Semana Musical! Nós tamén o pasamos moi ben vendo os vosos vídeos e fotos! E é que a vosa alegría e contaxiosa ata por medios virtuais e a distancia... Moitas grazas! 

Deixámosvos por aquí as fotos e os vídeos de Claudia Blanco, Ainoa, Diego, Claudia e Enzo, Nora e Leo. Mirade que divertido!











viernes, 12 de junio de 2020

A SEMANA MUSICAL DE URSO, VIEIROS E MAROSA

Esperamos que ao longo de esta semana disfrutarades da música coas actividades propostas. Pero, aínda vos queda unha máis...ARTE AO AIRE LIBRE!!!, e para levala a cabo non podemos esquecernos da música, que vos axudará a inspirarvos para facer a vosa obra de arte (ao final da entrada deixámosvos unha serie de cancións que sabemos que vos gustan moito).
Como podedes ver a continuación propoñémosvos varias opcións para facer a vosa obra de arte, elexide a que máis vos guste e.....mans á obra!!!!


PINTANDO CON PISTOLA DE AUGA: na imaxe podedes ver como facelo, e se non tedes pistola de auga, podedes usar unha xiringa ou pulverizador de auga.


PINTANDO CON POMPAS: na imaxe podedes ver como facer esta actividade, e tamén vos deixamos o enlace da páxina de onde a sacamos, xa que veñen outras variantes.





XICES E SOMBRAS: As sombras son algo que chama moito a  atención das nenas e nenos. Por iso pensamos nesta actividade que cremos que lles vai encantar, pintar as sombras. Con ela poderedes facer moitos debuxos e distintas variacións combinando varias sombras, tanto de vós mesmos como de obxectos que teñades na casa.

Imaxes extraídas de Pinterest

E xa para rematar, deixámosvos as cancións que vos comentamos arriba. As dúas primeiras son " eu teño alguén" de María Fumaça e "Quérote máis" de Sonoro Maxín; e a última é "Canción de vento" de Pitusa Semifusa na que nos fala dos distintos tipos de instrumentos.





miércoles, 10 de junio de 2020

OS VOSOS TRABALLOS

Boas tardes! Que tal o estades pasando na semana musical? Algúns e algunhas xa vos fostes animando a crear os vosos instrumentos caseiros! Mirade que bonitos os que fixeron Vega, Leo e Valentina! Ademais, Valentina animouse coas actividades do Memo e o Ditado musical! Que ben!




E mirade que divertido é facer arte coa ciencia! Claudia, Enzo, Nora, Diego e Ainoa pasárono xenial e crearon obras moi bonitas! 




Tamén David creou a súa orixinal obra de arte inspirada nos retratos de Picasso! Que chula! Ademais, desfrutou moito co conto do ratiño Frederick. 


E, para rematar, mostrámosvos como debuxou Nora na fariña e todo o que aprendeu co conto Maruxa. Que bo traballo!


Moitas grazas a todos e todas por compartir as vosas fotos!

A SEMANA MUSICAL DE URSO, VIEIROS E MAROSA


Xa estamos de volta, que tal o pasastes co Memo auditivo? Tedes algún instrumento caseiro novo? Agardamos que si e que o pasedes xenial coa música.

Hoxe queremos propoñervos algunha actividade musical, un pequeno proxecto… E como nos encantan os contos, deixámosvos o enlace de Violín, de Antonio Rubio e Óscar Villán. Comezamos!

VIOLÍN: Este contiño musicado da editorial Kalandraka, pertence á colección “Do berce á lúa”, a mesma de Crocodilo, Limón e Lúa. Atrevédesvos a cantalo? Podedes imitar o son dos instrumentos que saen no conto? Probade, probade! 




PEQUENO PROXECTO MUSICAL (Actividades imprimibles): Seguro que coñecedes moitos instrumentos musicais, pero… Sabiades que cada un pertence a unha familia? Si si, igual ca nós os instrumentos teñen familias, queredes coñecelas? Premede na imaxe de abaixo e accederedes a un pequeno xogo interactivo do proxecto Primartis onde vos presentan distintos instrumentos e as súas familias!

Agora que xa sabedes algo máis sobre as familias de instrumentos… Podedes descargar as fichiñas do miniproxecto que elaboramos, son moi faciliñas, sairanvos xenial! Para descargar o PDF premende na imaxe de abaixo.


A continuación, deixámosvos dúas actividades musicais extraídas do blog “Dando a nota” da mestra de educación musical Nerea Seijoso: O tabú instrumental e o Cazainstrumentos.

Se queredes podedes velos directamente na seguinte ligazón:


TABÚ DE INSTRUMENTOS: A través da imaxe que vos deixamos a continuación podedes descargar as tarxetas coas que poderedes xogar. É moi fácil! Unha vez impresas (se non tedes impresora podedes debuxalas vós mesmos) mesturádelas ben, coma se fose unha baralla e colledes unha. Para xogar precisades ser polo menos dúas persoas porque alguén ten que adiviñar o instrumento que tedes nesa tarxeta. Coidado, que non a vexa ninguén máis ca ti!


Nós modificamos un pouquiño as regras do xogo e pensamos que para que o pasedes xenial podedes xogar ao “Tabú Instrumental” de tres maneiras diferentes:
  • Imitando o son do instrumento que vos tocou ata que a persoa que xogue con vós o adiviñe.
  • Dicindo cousas sobre ese instrumento, por exemplo: É da familia dos instrumentos de corda, ten 6 cordas, para que soe ben hai que enchufala, úsase para facer música rock (a guitarra eléctrica).
  • Facendo como se tocarades ese instrumento, botádelle imaxinación e pasarédelo xenial!


CAZAINSTRUMENTOS: Para xogar podedes empregar as mesmas tarxetas do tabú. E precisades un matamoscas (se non tedes vale unha culler de madeira ou calquera outra cousiña parecida que teñades na casa). Primeiro esparexedes polo chan as tarxetas dos instrumentos, despois un dos xogadores ou un adulto vai dicindo o nome dos instrumentos. Cando o atopedes teredes que “cazalo” co matamoscas ou culler. O primeiro que o atrape colle a tarxeta… Quen acabará con máis instrumentos ao final do xogo? 



Outra versión do xogo é empregando os sons dos instrumentos pero para iso teredes que buscar vídeos en internet onde se escoiten ben os instrumentos por separado. Estades preparados? Pois, a xogar!


Por último queremos deixarvos unha canción de Uxía Lambona e a Banda Molona, “Esto bailase así”… A mover o esqueleto! Animádesvos a facer a COREOGRAFÍA??? É moi faciliña, só tedes que seguir as indicacións da canción. Seguro que o facedes xenial!!! Podedes enviarnos o vídeo de como vos quedou.