domingo, 7 de junio de 2020

A SEMANA MUSICAL DE URSO, VIEIROS E MAROSA


A semana pasada aprendestes un montón de cousas novas experimentando como auténticas científicas e científicos, pero hoxe comeza unha nova semana así que cambiamos a investigación por unhas propostas con moito ritmo… Xa está aquí a semana musical de Urso, Vieiros e Marosa!

Si, encántanos a Música, durante estes meses gozamos coas cancións de Chocolata, El baile del cambio, Pan de Millo, Dime que fixeches, O polo Pepe, Mariluz Avestruz, Peixiños do mar… E as nosas mascotas saben o moito que nos gusta cantar, bailar, descubrir sons… Por iso, esta semana queremos que o pasedes xenial coas actividades musicais que preparamos para vós. Aquí vos deixamos as primeiras!

MEMO AUDITIVO: Para comezar, este memo auditivo que podedes crear con cousiñas que de seguro tedes na casa… Premede na imaxe para ver en grande os materiais que precisades para facelo.



Xa tedes todos os materiais? Pois comezamos. Precisamos que os vasiños de iogurt bebible estean ben limpiños (tamén podedes empregar botellas de batido ou de leite, sempre que sexan opacas, é dicir, que non se vexa o que hai no seu interior).

Agora metemos nas botelliñas, de dúas en dúas, un material distinto: en dúas metemos garavanzos, noutras dúas area, noutras boliñas de papel (que podedes facer con xornais ou catálogos de supermercado), clips...

Nós propuxemos estes materiais pero se hai algún que non teñades podedes cambialo por outro que haxa na casa (lentellas, chinchetas, canicas…) ou ben facer menos botelliñas.

Truco! Non enchades de todo as botellas porque é preciso que quede sitio no interior para que se movan e sonen cando os axitemos.

Por último “pechamos” as botellas empregando globos, fixádevos como está na imaxe!

Importante! para poder facer o memo ten que haber dúas botellas de cada material porque unha vez acabado tedes que emparellar as que pensedes que soan igual… Ese é o reto!

Para saber se fixestes ben o reto podedes marcar a parte de abaixo das botellas cun rotulador permanente. Podedes poñer marcas como formas, letras, cores… Así poderedes comprobar se tivestes acertos con todos os sons.

Outra maneira de complicar máis ou menos o xogo é empregando globos de cores distintas (as botellas co mesmo son terían a mesma cor) ou empregando todos os globos da mesma cor (así é máis complicado e teredes que agudizar o voso sentido do oído).

Atrevédesvos a facer o memo e xogar cos sons? Seguro que o pasaredes xenial!

Este memo auditivo está recollido en “Experiencias y experimentos. 50 actividades sensoriales para entretenerse en casa” de @diverbichillos


DITADO MUSICAL: E se queredes sacarlles máis partido ós vasiños de sons que preparastes, aquí vai outra proposta. Pedídelle a alguén que escolla dous dos vasos e vos dite un ritmo composto por unha sucesión de cinco sons. Cando escoitedes o ritmo completade a ficha coa cor correspondente! Aquí vos deixamos algunha proposta de fichas para completar pero só son unha idea... Podedes adaptar o dictado ó voso gusto! Premede na imaxe para descargalas.


INSTRUMENTOS MUSICAIS CASEIROS: E a outra proposta que facemos hoxe seguro que vos gustará moito… Que vos parecería poder construír os vosos propios instrumentos musicais con materiais de refugallo! Pois no blog “Club Peques Lectores” hai 7 propostas moi sinxelas coas que poderedes gozar da música!

Unha flauta feita con palliñas, unhas maracas con culleres, un tambor cunha caixa de queixiños, un kazoo co tubo do papel de cociña, unha guitarra cunha caixa de cartón, un tambor feito cun bote e un xilófono empregando vasiños.

Premede na imaxe e accederedes a toda a información.


Como sempre vos dicimos, estas son só propostas que vos facemos, pero podedes empregar a vosa imaxinación para construír os instrumentos que máis vos gusten empregando un montón de materiais que podedes atopar na casa ou na natureza! Estamos desexando ver o ben co pasades facendo e interpretando música cos vosos propios instrumentos caseiros!

OS VOSOS TRABALLOS

Bos días a todos e todas! Esperamos que esteades pasando unha boa fin de semana! Hoxe imos mostrarvos algunhas das fotos que nos enviastes esta semana. A nós encantáronnos seguro que a vós tamén vos gustarán!

Leo e Valentina fixeron arte e ciencia con auga, cores, xeo e algodón... Pasárono moi ben e mirade que composicións tan coloridas e bonitas! 





Vega e Nora experimentaron co Arco da Vella de Densidades. Que divertida é a ciencia! 



E Ainoa, Diego e Nora seguiron contando contos, completando as fichas e creando personaxes! Que bo traballo!



Moitas grazas por seguir aí! Mañá haberá novas sorpresas! Estade moi pendentes!

viernes, 5 de junio de 2020

A SEMANA CIENTÍFICA DE URSO, VIEIROS E MAROSA


Xa é venres! Que tal a vosa semana científica? Agardamos que o pasarades xenial investigando e facendo os experimentos que vos propuxemos. Pero aínda queda un pouquiño máis que investigar esta semana! Esta vez unimos Ciencia e Arte para realizar unhas propostas moi divertidas que fomentarán a vosa creatividade. Mirade, mirade!

PINTURA CON XEO… A AUGA XA NON É LÍQUIDA, TRANSFORMOUSE EN SÓLIDA!

Lembrades o experimento do luns, no que mesturabamos líquidos de diferentes densidades? Pois agora ides descubrir como un líquido se converte en sólido… O XEO!
Para facer estas pinturas de xeo precisaremos un liquido que todos temos na casa, a auga. Pero como queremos empregala para pintar e facer orixinais obras de arte, imos a transformala nun sólido.


Para logralo precisaremos unhas cubiteiras que encheremos de auga.

En cada cubiño poñeremos unhas pingas de colorante alimentario* (emprega varias cores, e se tes pouquiñas lembra que podes mesturar pingas de cores distintas como por exemplo a amarela e a vermella, así conseguirás unha pintura de xeo laranxa), faino amodiño!

                                                * (Podes cambiar o colorante alimentario por témperas de cores)

Unha vez coloreada a auga metemos a cubiteira no conxelador (podes poñer uns paus para facilitar o emprego das pinturas, pero se non os pos tamén se poden usar) e… paciencia porque temos que conseguir que a auga (que agora está líquida) se conxele e se converta en sólida (xa veredes que dura e fría está).

Para poder pintar coas pinturas de xeo tedes que esperar ata o día seguinte. Cando saques a cubiteira do conxelador a auga xa estará convertida en xeos de cores e poderás colorear folios, cartolinas e ata papel absorbente de cociña. Seguro que o pasaredes xenial!

PINTURA ABSORBENTE CON ALGODÓN: E mentres agardades a que faga o xeo, aquí tedes outra proposta, pintar algodón absorbente!

Algúns materiais sólidos como o algodón, as esponxas ou o papel de cociña son absorbentes. Pero que é iso de absorbente? Pois moi sinxelo, os materiais absorbentes como o algodón atrapan os líquidos… como se os beberan! Si si, por iso cando nos cae algo de auga na mesa usamos o papel de cociña para secala.

Hai outros materiais sólidos, como o plástico ou o vidro que non son absorbentes, se vos cae a auga na mesa e tentades limpala cun plástico, o único que faredes é espallar a auga por toda a mesa. Probade vós a secar auga cun plástico e cun pouco de papel de cociña… cal dos dous materiais absorbeu a auga? Pois ese é o material sólido absorbente!

E como xa sabemos o que é “absorbente” imos a divertirnos e explorar para crear obras de arte!


Premede na imaxe de arriba para ver ben que materiais precisades e comezamos! Se empregades unha bandexiña evitaredes mollar todo pero se facedes este experimento de arte no chan da terraza ou no campo podedes facelo directamente sobre unha cartolina ou cartón.

Primeiro, podedes facer unha composición co algodón ou os discos desmaquillantes (na imaxe vedes unha árbore pero podedes crear o que queirades, ou espallar o algodón libremente). Logo nuns vasiños botades auga cun pouquiño de témpera de cores ou colorante…

E xa podedes experimentar! Con unha pipeta, xiringa ou pincel ides mollando os algodóns coa auga de cores, e mirade! O algodón absorbe a auga que ides botando e coloréase… que ganas de ver as vosas obras de arte absorbentes!

Agardamos que o pasedes xenial con estas propostas, ata o luns!

Estes experimentos están recollidos en “Experiencias y experimentos. 50 actividades sensoriales para entretenerse en casa” de @diverbichillos

jueves, 4 de junio de 2020

A VOSA CIENCIA

Boas tardes a todos e todas! Que fácil e divertido é facer ciencia na casa! Por aquí vos deixamos algunhas fotos dos vosos experimentos. Kendra, Claudia, Ainoa, Leo e Valentina animáronse a crear Arcos da Vella con líquidos de diferente densidade. Mirade que curiosos! 









Ademais, Leo e Valentina tamén se animaron a crear o microscopio de virus e... De moito máis! Agardamos que o pasarades ben e aprenderades moito! 



Moitas grazas por compartir a vosa ciencia! Seguide moi pendentes... A semana da ciencia aínda non rematou!

miércoles, 3 de junio de 2020

OS VOSOS TRABALLOS

Boas tardes! Éncantanos seguir recibindo as vosas fotos! Aínda que xa nos estamos achegando á recta final deste curso tan raro, ter noticias vosas séguenos facendo tanta ilusión como o primeiro día! Así que recordade que continuamos do outro lado da pantalla!

Hoxe deixámosvos unha grande variedade de actividades a partir de contos e de creacións artísticas. Agardamos que vos gusten tanto coma a nós! 

David completou o caderno de fichas de Paco Papán e, ademais, pasou un bo anaco coa súa canción e recordando a rima "Semana de Cores". Que recordos! E Claudia creou unha preciosa bolboreta á que rescatar, igual que o Oso Atrapabolboretas. 


Kendra esforzouse moitísimo e completou o caderno de Maruxa e tamén o de Rana de Tres Ojos, igual que Claudia, Leo e Valentina. Bo traballo! 






E mirade que gatiño tan colorido creou Nora inspirándose en Romero Britto. Encántanos como che quedou! Es unha artista!


E, para rematar, presentámosvos a un novo Xeoexperto nas Montañas do Courel, Sergio! Completou o caderno de investigación con moita dedicación e aprendeu moitísimo! Que ben!



Moitas grazas a todos e todas! Seguide así!

martes, 2 de junio de 2020

A SEMANA CIENTÍFICA DE URSO, VIEIROS E MAROSA


Xa estamos de volta! Que tal o pasastedes co experimento do “Arco da Vella de Densidades”? Aprendestes moitas cousas? Seguro que a vosa investigación foi de Premio Nobel! E seguro tamén que tedes ganas de seguir experimentando, non si?

Pois imos alá! A proposta de hoxe transformaravos en científicas e científicos de laboratorio e… que hai en todos os laboratorios? Pois un microscopio! Si si, a nosa actividade de hoxe é que elaboredes o voso propio microscopio para que poidades descubrir un montón de cousas, mirade!

EXPERIMENTO 2 – MICROSCOPIO DE VIRUS… E MOITO MÁIS!

Como sabedes, científicas e científicos de todo o mundo están investigando moitísimo para atopar a vacina do coronavirus. Nós non podemos axudalos porque teríamos que estudar moitos anos e aprender un montón de ciencia antes, pero podemos ir empezando a practicar co noso propio microscopio caseiro. Premede na imaxe de abaixo e apuntade os materiais que precisades!


Para poder usar o microscopio tedes que imprimir (podedes atopar os imprimibles no PDF das fichas técnicas que vos deixamos máis abaixo) ou debuxar e pintar vós un montón de virus, xermes e bacterias.


Despois pegades o papel debaixo da bandexa de vidro ou plástico transparente (é importante que sexa debaixo para que non se molle), e enchemos a bandexa de auga con colorante alimentario negro ou un pouquiño de témpera negra.

A continuación metemos o vaso e movémolo polo fondo para atopar os debuxos.

Como vos dixemos é un microscopio de virus… e máis! Polo que tamén podedes debuxar animais mariños, planetas, plantas… así converterédesvos en biólogas e biólogos mariños, astronautas, botánicas e botánicos… Deixade voar a vosa imaxinación e debuxade todo o que vos apeteza descubrir co voso microscopio!

Premede na imaxe de abaixo para descargar o PDF cos imprimibles e as fichas técnicas deste experimento.


Ah! E como lembraredes as nenas e nenos da clase do Oso Urso tamén podedes probar a poñer unha ecografía en lugar dun debuxo, xa veredes que sorprendente! Ou escribir un montón de letras ou unha palabra secreta que tedes que ir vendo co vaso… probade todo o que queirades. Agardamos que o pasedes xenial!

Este experimento está recollido en “Experiencias y experimentos. 50 actividades sensoriales para entretenerse en casa” de @diverbichillos

lunes, 1 de junio de 2020

OS VOSOS TRABALLOS

Boas tardes a todos e todas! Hoxe compartímosvos un pouquiño de todo. Agardamos que o pasarades moi ben facendo as actividades. A nós encántanos seguirvos vendo! Moitas grazas!

Nora pasou un bo anaco imitando, coloreando e recordando ós animais do conto Quiero ser como tú. Mirade que divertido é facer de elefante, león ou serpe!


Ian creou un precioso mandala con elementos da natureza que podemos atopar na primavera. Mirade que colorido! Canto nos gusta!


Claudia creou un pitiño igualiño que O polo Pepe, e completou os cadernos de Maruxa e Quiero ser como tú. Que bo traballo!


 Leo tamén completou o caderno do conto Maruxa e divertiuse co crebacabezas! Que ben! Canto esforzo!


E Valentina mesmo se animou a facer pan e a escribir en fariña. Mirade que boa pinta ten!



Moitas grazas polas fotos! Séguennos facendo moita ilusión!