sábado, 7 de diciembre de 2019

O MOSTO CONVERTEUSE EN VINAGRE

Noutra entrada do blog xa vos ensinamos como embotellamos o viño na aula do Oso Urso. Unha vez rematado ese proceso, precisábamos escollerlle un nome e etiquetalo. 

Unha mañá, ulímolo de novo para buscar inspiración e... Que sorpresa! Non ulía a viño! Fixéramos VINAGRE! Conversando e conversando, descubrimos porque non nos saíra o viño: os recipientes nos que fermenta deben ser de madeira, barro ou metal e o noso era de cristal! Entón collemos de novo a lista dos pasos que se deben seguir para facer viño e, entre todos, escribimos NON na fase da fermentación, porque era na que fallaramos. Somos uns investigadores e investigadoras xeniais!


Algúns trouxemos da casa etiquetas moi chulas para o viño pero, como tiñamos vinagre, non nos valían. Aínda así, probamos a poñelas na botella porque nos esforzamos moito e facíanos ilusión. Mirade que bonitas!


Despois, puxémonos mans á obra. Comezamos facendo propostas de nomes para o vinagre e, unha vez escribimos todas no encerado, cada un foi poñendo unha marquiña debaixo da que máis nos gustaba pero antes tiñamos que ler en alto o que dicía alí para estar seguros e seguras de que non nos equivocábamos. Despois fomos contando as marcas e escribindo o número de marcas que había e... Gañou o nome "VINAGRE COLE DE QUIROGA" con 8 votos!


Outro día, creamos as etiquetas para o noso vinagre, escribindo o nome elixido e debuxando uvas. Nisto xa somos uns expertos e expertas. Mirade canta variedade de deseños!


Pero como só tiñamos unha botella e había 18 etiquetas era necesario escoller unha. Unha vez máis, fixémolo por votación. Un por un fomos colocando un policubo debaixo da etiqueta que máis nos gustaba, sen saber de quen era, recontamos e... Eliximos a de Inyanara! Tamén con 8 votos!



Unha vez reducido o tamaño da etiqueta, pegámolo na botella e só nos quedaba pensar que facer con el. Algúns e algunhas queríamos vendelo pero non nos poñíamos de acordo co prezo. Entón, César tivo unha idea moi boa: levárllelo aos cociñeiros Jorge e Fina. Pero que día o podíamos levar? Estaba claro! Cando tocara xantar ENSALADA! 

E así o fixemos. O pasado xoves levamos a botelliña para o comedor e Fina e Jorge agradecéronolo moito. Pola tarde, Jorge devolveunos a botella baleira. Ese día a ensalada tivo un sabor moi especial: SABOR A VINAGRE COLE DE QUIROGA!




No hay comentarios:

Publicar un comentario