miércoles, 27 de noviembre de 2019

FILTRADO E EMBOTELLADO

Hai tempo que na aula do Oso Urso comezamos a preguntarnos que podíamos facer co mosto que estaba a fermentar. Levaría xa demasiados días? Estaría estragado? Precisaríamos máis tempo? Como non tiñamos na clase ningún experto en vendima decidimos escribir unha carta para pedir axuda ás nosas familias. 


Na casa, preguntamos e investigamos e case todos coincidimos en que o viño debía fermentar arredor dun mes. Como tiñamos marcado no calendario de outubro o día que vendimaramos, comezamos a riscar e contar os días que levaba o mosto fermentando. Unha vez rematamos tivemos que continuar contando no de novembro e resultou que xa pasaran 37 días! Iso era máis dun mes! Tiñamos que facer algo co noso viño!

Consultando un papel que nos trouxo Leo no que o proceso de elaboración do viño estaba moi detallado, descubrimos que só nos faltaba filtralo e embotellalo e puxémonos mans á obra. 

Na fábrica había dúas bandexas unha que dicía FILTRADO e outra EMBOTELLADO. Tivemos que lelas e adiviñar o que había que facer en cada unha. Por pequenos grupos, fomos filtrando o mosto pasándoo por un coador moi despaciño e, despois, embotellámolo. Como a botella era moi estreita empregamos un aparello que se chamaba embude. Isto foi moi emocionante... Caberá todo dentro da botella ou non? Fixemos diferentes estimacións... Parecía que si pero ó final... Botouse un chisquiño por fóra!



Mentres tanto Leo converteuse en director da fábrica e foi supervisando todo o que facíamos con moita atención e, cando unha tarefa xa estaba conseguida, marcábaa cunha cruz.


Por último, puxémoslle o tapón para pechar a botella. Agora só nos queda por pensar un nome para o viño e etiquetalo. Prestade moita atención que pronto volo contaremos!


No hay comentarios:

Publicar un comentario