jueves, 19 de marzo de 2020

URSO, VIEIROS E MAROSA RECOMENDAN: UN CONTO CADA DÍA


O CONTO DE HOXE É: A VELLA LULULA



Autoras: MarPavón (escritora) e Alessandra Cimatoribus (ilustradora)

Editado en galego por OQO Editora



Curtametraxe musicada elaborada polo CEE DE VILAGARCÍA DE AROUSA (este traballo foi mención especial “Nós tamén creamos 2012” e finalista “Olloboi DJ 215”)


BREVE INFORMACIÓN DO CONTO: A curtametraxe musicada está baseada nun divertido conto acumulativo no que o número 7 e as cores do arco da vella adquiren un papel moi importante. Tamén pon en valor a importancia de escoitar aos demais e ser paciente posto que non sempre se pode ter o que se quere no momento en que se quere.

ACTIVIDADES RELACIONADAS: Que vos parece se facedes xuntos un arco da vella. Pode que na casa teñades algún dos materiais que se precisan para facer o ARCO DA VELLA 3D que vedes na imaxe, pero se non é así sempre podedes facer un fermoso arco da vella con ceras ou rotuladores e engadir algunha mensaxe para os amigos ou alguén da familia… pero antes unha pregunta: sabedes que cores aparecen no arco da vella? Investigade!



Ah! E outra actividade relacionada co conto e que podedes facer é… axudar a papá e mamá a colgar a roupa no tendal, que non se vos escape como á vella Lulula! 



miércoles, 18 de marzo de 2020

URSO, VIEIROS E MAROSA RECOMENDAN: UN CONTO CADA DÍA


O CONTO DE HOXE É: RANILDA

Autoras: MarPavón (escritora) e Chloé Rémiat (ilustradora)

Editado en galego por OQO Editora


Premendo na seguinte imaxe podedes acceder a unha curtametraxe, baseada no conto de Mar Pavón, elaborada polo CEIP A LAMA


BREVE INFORMACIÓN DO CONTO: Unha fábula na que a autora fai pulo en valores tan importantes como a autoestima e a amizade, empregando ademais o sentido do humor.


ACTIVIDADES RELACIONADAS: A curtametraxe que acabades de ver está feita mediante a elaboración de personaxes empregando plastilina… e o que nos gusta a todos xogar coa plasti! Non si? Pois por que non probades a facer vós a Ranilda, Ranushka, a tartaruga, as ovellas… de seguro que vos van a quedar xenial!




martes, 17 de marzo de 2020

URSO, VIEIROS E MAROSA RECOMENDAN: UN CONTO CADA DÍA


O CONTO DE HOXE É: PERDIDO?
Editado en galego pola editorial Patas de Peixe.



Conto extraído da canle de Youtube “Taxi Roberto Burela”, e contado por Antía.
BREVE INFORMACIÓN DO CONTO: Trátase dunha fermosa historia de amizade e de atención cara os sentimentos dos demais. Pon en valor a superación para atopar solucións aos problemas, ser capaces de pedir axuda, ser reflexivos e sobre todo pon en valor a amizade e nosa capacidade empática para poder entender o que senten os demais.

ACTIVIDADES RELACIONADAS: Logo de ver o conto podedes facer uns monicreques de dedo así de sinxelos, só precisades cartón, cores e unhas tesoiras:

  (imaxes extraídas da web TEA ON THE MOON. Podedes premer no enlace para ver o artigo completo) http://www.teaonthemoon.com/2012/05/oliver-jeffers-avalanche-city.html?m=0
 Este fermoso conto converteuse nunha mediametraxe que polo de agora só podedes ver en inglés, aínda así deixámosvos o enlace ao trailer e ao filme en lingua inglesa.

TRAILER:

PELÍCULA EN INGLÉS:

XOGOS INTERACTIVOS EN FAMILIA


No piso de abaixo da escola seguimos a recompilar actividades e recursos educativos para que podades pasar momentos divertidos en familia. Neste caso deixámosvos unha escolma de xogos interactivos cos que pasalo xenial e aprender moito!



A maioría son propostas elaboradas por profesorado especialista en educación infantil aínda que tamén se inclúen páxinas web de recursos educativos nos que se poden atopar opcións adaptadas a todas as idades. Aínda así recomendámosvos que sempre supervisedes os seus xogos!
Ademais, algúns deles teñen animacións dixitais baseadas en Flash, polo que é preciso que os vosos ordenadores teñan o Adobe Flash Player instalado ou desbloqueado.
Premede os enlaces que poñemos a continuación, agardamos que vos gusten!
FANTASMÍN: Xogo interactivo con numerosos retos adaptados a nenas e nenos a partir de 3 anos.
FIODOR EL GATO: Premiado co 2º premio de do Ministerio de Educación en 2008, componse de 21 actividades interactivas para nenas e nenos de infantil.
ARA Y BELBO: Dos mesmos creadores de Fíodor, este flash contén máis de 70 actividades para desenvolver a percepción, memoria, organización espacial… (a partir de 3 anos)
PÁXINAS WEB QUE RECOMPILAN XOGOS INTERACTIVOS:
POCOYÓ JUEGOS: Recompilación de xogos para os máis pequenos, tamén podedes acceder a manualidades, coloreables, vídeos…
PEQUETIC: Na páxina nticeducación podedes escoller actividades sobre letras, números, medioambiente, animais… adaptadas ao alumnado de infantil.
PEQUEJUEGOS: Dende esta páxina podes acceder a numerosos xogos educativos e de entretemento clasificados por temas, cunha lapela específica para xogos infantís (a que vos enlazamos).
VEDOQUE: Xogos educativos estruturados por cursos. No apartado de infantil podedes seleccionar xogos relacionados coa aprendizaxe de conceptos matemáticos, inglés… e tamén hai un apartado de “xogos divertidos”.
JUEDULAND: Ampla recompilación de xogos educativos en liña con listaxe temática. Tamén para nenas e nenos de primaria.
BUHO BOO: Xogos adaptados aos máis peques ou a nenas e nenos que se están iniciando no manexo do ordenador. Podedes atopar xogos para progresar no dominio do emprego do ratón, do teclado…

#EUQUEDONACASA

Xa que estamos pasando unha situación especial na que temos que coidarnos e pasar moito tempo na casa, vou amosarvos algunhas ideas para facer cos peques da casa, neste caso son 3 xogos.
O xogo é unha ferramente fundamental para coñecer o mundo que nos rodea e construir coñecementos de forma lúdica e manipulativa, por iso nesta etapa educativa debemos darlle a importancia que merece. Estes días temos a oportunidade de deixar voar a nosa imaxinación e crear xogos para facer en familia. A continuación vouvos amosar 3 xogos que estén relacionados co traballo que estabamos facendo na aula, son sinxelos e pódense facer con materiais que temos pola casa ao mesmo tempo que reciclamos un pouco.
Só precisamos cartóns ( como os das caixas de cereais ou galletas), rotuladores ou bolígrafos e tapóns de botellas (estes poden sustituírse no seu defecto por outro material).
Así de sinxelo:

- Xogo dos nomes (lectoescritura):
 Dámoslle aos nenos/as varios tapóns con letras e unha cartolina cun debuxo ou unha imaxe pegada e o nome escrito. Teñen que atopar as letras e colocalas no lugar correspondente. Ademais tamén poden axudarnos a facer o material.

- Bingo (lóxico-matemática):

 Funciona como un bingo normal, podemos xogar polo simple placer do propio xogo ou engadir tamén algunha recompensa.
Este xogo pode graduarse en función do nivel de dificultade que desexemos (só dicindo o número ou deixándollo ao neno/a para velo mellor, variar o número de casillas,...)
Tamén podemos facer unha variante, en lugar de xogar con números, xogar con figuras xeométricas.

- Memory (emocións):

Funciona como un memory normal, podemos poñer as emocións que desexemos, darlles a volta e buscar as parellas.

Estas son algunhas ideas, como xa sabedes o importante é que os pequenos/as se divirtan e temos ao noso alcance infinidade de oportunidades para facelo en familia e aprender ao mesmo tempo: lectura de contos, facer teatros con bonecos, manualidades, elaborar receitas xuntos, traballar habilidades como poñer botóns,...

Moito ánimo e ata a volta!!

lunes, 16 de marzo de 2020

PORQUE TE QUERO MOITO

Esta semana foi moi especial para nós, pois tivemos a gran sorte de recibir na nosa aula unha visita moi importante.
O mércores veu a vernos a mamá de Diego, e trouxo con ela un conto moi bonito "Porque te quero moito", que fala do amor entre unha avoa e unha neta.
Contounos o conto con moito agarimo e os nenos e nenas estiveron super atentos, encantoulles. Ademais, conversamos sobre o conto e ensinámoslle cousas nosas das emocións.
A mamá de Diego ademais de traer o conto, regalounos uns globos nos que lles pintou unhas cariñas con diferentes emocións para que as adiviñáramos e faláramos sobre elo. Por último, ensinounos "o baile das emocións" que non coñecíamos e encantounos.
Aquí vos deixamos unha pequena mostra deste momento tan bonito:


Ao rematar démoslle un pequeno agasallo para que se lembre de nós:

Tamén, esta semana MAteo trouxo á aula un xogo moi divertido que fixo coa súa mamá, vese que traballaron un montón.
Este xogo consiste en cambiarlle a cariña ao osiño do Xeoparque para ver as súas diferentes emocións:


Este xogo incorporámolo ás rutinas da aula e na asemblea diaria o encargado ou encargada escolle cada día como se sinte o osiño cambiándolle a cara.
Moitas grazas ás familias pola súa colaboración, da gusto ver as caras dos peques. Estamos encantados e agradecidos.

Por último, deixámosvos aquí algunhas imaxes do noso mural das emocións que tamén elaboramos esta semana:







LIÑAS CURVAS

OLA FAMILIAS:
Fai unha semaniña fixemos unha xornada intensiva para traballar de maneira lúdica e vivencial as liñas curvas.
Primeiro fomos ao ximnasio co apoio da profe Lucía onde fixemos diversos xogos moi divertidos, ao rematar bailamos a canción "Soy una serpiente":




Despois na aula seguimos o traballo nos diferentes recunchos: