domingo, 6 de octubre de 2019

VERDE, VERDE, VERDE, O CROCODILO QUE SE PERDE

Esta semana, na aula da Raposa Marosa comezamos a traballar con "Crocodilo" un contiño moi pequerrecho de Antonio Rubio e Óscar Villán e editado por Kalandraka.

O conto é pequeniño pero con el aprenderemos, de maneira divertida, as cores primarias e secundarias... 

Nesta ocasión comezamos co verde, e despois de ler o conto fixemos un montón de actividades, mirade!

Primeiro buscamos cousiñas verdes pola nosa aula... tiñamos que atopar 1 obxecto verde cada un (só 1 porque a Raposa Marosa puxo o cartel do número 1 ao ladiño da cor verde). E mirade todo o que atopamos: coches, pratos, osiños e ata unha cabaciña! Pero a nosa sorpresa foi cando Daniela atopou ao mesmiño Crocodilo verde do noso conto! Xa non estaba perdido!



Tamén pintamos un mural moi grande entre todos. E empregamos coches de xoguete para facelo, mirade que ben o pasamos!


E despois, un pouquiño de traballo individual... con témpera verde e uns bastoncillos dos de limpar os oídos pintamos a Crocodilo.



Por último, durante toda a semana fixemos moitas outras actividades nas que empregamos a cor verde: Pintamos con ceras verdes ao monstro de cores en calma (Logo de ler e representar cos monicreques o conto "O Monstro de Cores" de Anna LLenas), estampamos burbullas con rollos de papel logo de investigar o que son os círculos e os cilindros...



Moito traballamos :)  e agora que cor tocará? Teredes que agardar ata a vindeira semana para averigualo.
Apertas dende a aula da Raposa Marosa!

No hay comentarios:

Publicar un comentario