lunes, 23 de marzo de 2020

URSO, VIEIROS E MAROSA RECOMENDAN: UN CONTO CADA DÍA

O CONTO DE HOXE É: O MONSTRO DE CORES

Autora: Anna Llenas 

Editado en galego pola Editorial Flamboyant


Adaptación animada extraída da canle de Youtube “Peque Juguetes y Sorpresas”


Curta creada por un grupo de alumnas da Escola Universitaria de Deseño Industrial (EUDI), UDC.

BREVE INFORMACIÓN DO CONTO: Este conto de Anna Llenas é ben coñecido por nós. Nunca escoitástedes?:  temos que volvernos verdes ou… estoume poñendo vermello! Pois aquí está a explicación, este monstro tan liado precisa axuda para ordenar as súas emocións. Un conto para traballar o mundo das emocións, para coñecelas, comprendelas e aprender a dominalas.


ACTIVIDADES RELACIONADAS: En internet podedes atopar moitísimos recursos para traballar as emocións a través deste conto. Incluso na web da autora ofrecen de maneira gratuíta varias propostas (a continuación poñemos os enlaces).
Pero a nosa suxestión para estes días (e todos os días) é falar e falar! As nenas e nenos precisan expresar os seus sentimentos e ás veces non é sinxelo facelo, por iso intentade atopar un ratiño cada día para preguntarlles como se senten e para falarlle tamén de como vos sentides vós. De seguro que lles axudará a comprender as súas emocións… e as dos demais!
Aquí tedes algunhas ideas para traballar a través do conto:



E por último, deixámosvos un pouco de música, que igual que os contos, debería estar presente todos os días nas nosas vidas!  A CANCIÓN DO MONSTRO DAS CORES en GALEGO...


E a que xa coñecedes en CASTELÁN... 


Agardamos que o monstro das cores nos axude a poñer algo de orde nas nosas emocións nestes días tan raros. Unha aperta grande!


sábado, 21 de marzo de 2020

XOGO E APRENDO NA CASA

Dende “O piso de abaixo da escola” seguimos recomendando webs, e perfís educativos nas redes sociais para que podades realizar actividades e tarefas sinxelas e educativas cos vosos fillos e fillas durante estes días. Agardamos que vos sirvan de axuda e sobre todo que vos permitan gozar do tempo en familia dunha maneira lúdica e enriquecedora!
Estade moi atentos porque cada fin de semana teredes no blog novas recomendacións! Unha apertiña e moito ánimo!
  • ENTRE NUBES ESPECIALES: No blog da mestra de educación especial Paola, podemos descargar un montón de PDF con actividades sensoriais, coloreables, recomendacións de películas e xogos para móbil e tablet, actividades para exercitar a memoria, ioga para nenas e nenos…

  • UN MAR DE IDEAS PARA EDUCACIÓN INFANTIL: O blog da mestra María del Mar Quirell está repletiño de recursos para traballar conceptos matemáticos a través da metodoloxía ABN.

  • THE DAD LAB: E se tedes instagram, aquí vos deixamos este perfil tan divertido de Sergei Urban, un papá moi enxeñoso. No perfil podedes atopar un montón de experimentos de ciencia para facer de maneira moi sinxela con nenas e nenos a partir de 3 anos. A pesar de que está en inglés, as explicacións que acompañan os vídeos podedes traducilas… aínda que só vendo o vídeo xa veredes que non fai falta nin entender o que di! Buscade no Instagram @thedadlab ou premede na imaxe.

viernes, 20 de marzo de 2020

URSO, VIEIROS E MAROSA RECOMENDAN: UN CONTO CADA DÍA


O CONTO DE HOXE É: POLO CAMIÑO


Editado en galego pola Editorial Kalandraka


Conto cantado extraído da canle de Youtube “O mundo ao revés. Sonia Hermida”


E deixamosvos tamén está versión en castelán da canle de Youtube "Musicando Badabum" de Cristina Martín Sanz, pois algúns e algunhas xa coñecedes o conto con esta melodía.

BREVE INFORMACIÓN DO CONTO: Trátase dun contiño para cantar e contar… ata 10. Sinxelo e divertido especialmente indicado para os máis pequenos. Atrevédevos a cantalo xuntos?


ACTIVIDADES RELACIONADAS: Para hoxe propoñemos varias actividades para traballar os números de maneira lúdica. Propostas coas que poderedes xogar e aprender xuntos empregando cousiñas que de seguro tedes na casa (se non tedes algún destes materiais como por exemplo os pauiños ou as cunchas podedes cambialos por garabanzos, fabas… ou calquera outra cousa que teñades na casa e sexa sinxela de manexar).
(Todas as imaxes foron extraídas de Pinterest.)



jueves, 19 de marzo de 2020

#EUQUEDONACASA

Por aquí vos deixamos unha proposta de actividades que podedes facer na casa estes días de confinamento. Está pensado para os nenos e nenas na aula do Corzo Vieiros (5º de educación infantil). 

Premendo no debuxo do Corzo Vieiros podedes acceder ó documento.


MOITO ÁNIMO E PACIENCIA! O Corzo Vieiros agarda por nós!

URSO, VIEIROS E MAROSA RECOMENDAN: UN CONTO CADA DÍA


O CONTO DE HOXE É: A VELLA LULULA



Autoras: MarPavón (escritora) e Alessandra Cimatoribus (ilustradora)

Editado en galego por OQO Editora



Curtametraxe musicada elaborada polo CEE DE VILAGARCÍA DE AROUSA (este traballo foi mención especial “Nós tamén creamos 2012” e finalista “Olloboi DJ 215”)


BREVE INFORMACIÓN DO CONTO: A curtametraxe musicada está baseada nun divertido conto acumulativo no que o número 7 e as cores do arco da vella adquiren un papel moi importante. Tamén pon en valor a importancia de escoitar aos demais e ser paciente posto que non sempre se pode ter o que se quere no momento en que se quere.

ACTIVIDADES RELACIONADAS: Que vos parece se facedes xuntos un arco da vella. Pode que na casa teñades algún dos materiais que se precisan para facer o ARCO DA VELLA 3D que vedes na imaxe, pero se non é así sempre podedes facer un fermoso arco da vella con ceras ou rotuladores e engadir algunha mensaxe para os amigos ou alguén da familia… pero antes unha pregunta: sabedes que cores aparecen no arco da vella? Investigade!



Ah! E outra actividade relacionada co conto e que podedes facer é… axudar a papá e mamá a colgar a roupa no tendal, que non se vos escape como á vella Lulula! 



miércoles, 18 de marzo de 2020

URSO, VIEIROS E MAROSA RECOMENDAN: UN CONTO CADA DÍA


O CONTO DE HOXE É: RANILDA

Autoras: MarPavón (escritora) e Chloé Rémiat (ilustradora)

Editado en galego por OQO Editora


Premendo na seguinte imaxe podedes acceder a unha curtametraxe, baseada no conto de Mar Pavón, elaborada polo CEIP A LAMA


BREVE INFORMACIÓN DO CONTO: Unha fábula na que a autora fai pulo en valores tan importantes como a autoestima e a amizade, empregando ademais o sentido do humor.


ACTIVIDADES RELACIONADAS: A curtametraxe que acabades de ver está feita mediante a elaboración de personaxes empregando plastilina… e o que nos gusta a todos xogar coa plasti! Non si? Pois por que non probades a facer vós a Ranilda, Ranushka, a tartaruga, as ovellas… de seguro que vos van a quedar xenial!




martes, 17 de marzo de 2020

URSO, VIEIROS E MAROSA RECOMENDAN: UN CONTO CADA DÍA


O CONTO DE HOXE É: PERDIDO?
Editado en galego pola editorial Patas de Peixe.



Conto extraído da canle de Youtube “Taxi Roberto Burela”, e contado por Antía.
BREVE INFORMACIÓN DO CONTO: Trátase dunha fermosa historia de amizade e de atención cara os sentimentos dos demais. Pon en valor a superación para atopar solucións aos problemas, ser capaces de pedir axuda, ser reflexivos e sobre todo pon en valor a amizade e nosa capacidade empática para poder entender o que senten os demais.

ACTIVIDADES RELACIONADAS: Logo de ver o conto podedes facer uns monicreques de dedo así de sinxelos, só precisades cartón, cores e unhas tesoiras:

  (imaxes extraídas da web TEA ON THE MOON. Podedes premer no enlace para ver o artigo completo) http://www.teaonthemoon.com/2012/05/oliver-jeffers-avalanche-city.html?m=0
 Este fermoso conto converteuse nunha mediametraxe que polo de agora só podedes ver en inglés, aínda así deixámosvos o enlace ao trailer e ao filme en lingua inglesa.

TRAILER:

PELÍCULA EN INGLÉS: