BREVE INFORMACIÓN DO CONTO: Chega
a primavera e todos os animais espertan do seu sono invernal e o
bosque énchese de vida. Zorro atopa unha cesta abandonada cun rico
biscoito dentro. Ten moitas gañas de comer un anaco, pero antes
decide buscar ao seu dono e así pedirlle se o poden compartir. Na
súa búsqueda crúzase con varios animais que se van sumando ao seu
obxectivo. Finalmente, atoparán á dona do biscoito e descubrirán que
o seu obxectivo era xustamente o de organizar unha festa de benvida
para compartir ese rico biscoito. ACTIVIDADES RELACIONADAS: Biscoito de mazá: Igual que os animaliños do
bosque se vos animades podedes facer este rico biscoito para celebrar
a chegada da primavera. Aquí vos queda a receita, se algún se anima
que nos mande a foto e poñerémola no blog. Podedes vela pinchando na imaxe.
Memory cos personaxes do conto: Se tedes impresora
podedes imprimir o pdf e recortar os debuxos para facer un memory, e
pasar un ratiño divertido. Fai clic na imaxe para acceder.
Debuxos para colorear: neste enlace podedes colorear os
personaxes que aparecen no conto e utilizalos para facer un teatriño. Fai clic na imaxe para acceder.
Experimento primavera: Plantar unha faba, lentella, ou
calquera outra semente que teñades pola casa nun recipiente
transparente e ver o que ocorre. Se pinchades na imaxe podedes ver
paso a paso como tedes que facer. Recordade se vos animades a facelo,
mandade fotos.
E para rematar esta entrada deixamos unha canción sobre a primavera,
do álbum “Coas miñas mans” de Pablo Díaz.
BREVE
INFORMACIÓN DO CONTO: Trátase dun conto creado para poder explicar
ós nenos e nenas a complexa situación que estamos a vivir debido á pandemia do
COVID- 19. Dunha forma sinxela e adaptada á infancia, este conto relata a nosa
propia historia recoñecendo a importante labor de todos os heroes e heroínas
que están loitando por nós, así coma a nosa misión de quedar na casa. Ademais,
achega á historia un final esperanzador que agardamos poder vivir pronto.
ACTIVIDADES
RELACIONADAS: Logo de ver o conto podedes facer o seguinte experimento para que
os nenos e nenas tomen conciencia da necesidade do xabón para unha hixiene das
mans efectiva contra os virus. Nun prato botamos auga e unha pouca pementa (virus),
tocamos a superficie da auga coa puntiña do dedo e comprobamos como a pementa
se queda pegada na nosa pel. Despois, limpamos o dedo e introducímolo en xabón
líquido. Agora, protexidos co xabón volvemos tocar a superficie da auga e...
Sorpresa! Os virus (pementa) escapan cara as beiras do prato!
(Imaxe e idea extraída do blog 2PROFES EN APUROS. Podedes premer no enlace para ver o artigo completo)
Deixámosvos aquí tamén dous
vídeos con cancións que poden acompañarnos nesa rutina do lavado das mans. A
primeira foi publicada polo grupo teatral Migallas e, a segunda, pola especialista
en linguaxe Tamara Chubarovsky.
E por último, compartímosvos outros
dous contos que nos poden axudar a transmitirlles ós nenos e nenas o que está a
pasar. Facede clic nas imaxes para acceder a eles.
Adaptación animada extraída da canle
de Youtube “Peque Juguetes y Sorpresas”
Curta creada por un grupo de alumnas da Escola Universitaria de Deseño Industrial (EUDI), UDC.
BREVE
INFORMACIÓN DO CONTO: Este conto de Anna Llenas é ben coñecido por
nós. Nunca escoitástedes?: temos que
volvernos verdes ou… estoume poñendo vermello! Pois aquí está a explicación,
este monstro tan liado precisa axuda para ordenar as súas emocións. Un conto
para traballar o mundo das emocións, para coñecelas, comprendelas e aprender a
dominalas.
ACTIVIDADES
RELACIONADAS: En internet podedes atopar moitísimos recursos para traballar as
emocións a través deste conto. Incluso na web da autora ofrecen de maneira
gratuíta varias propostas (a continuación poñemos os enlaces).
Pero a nosa suxestión para estes días
(e todos os días) é falar e falar! As nenas e nenos precisan expresar os seus
sentimentos e ás veces non é sinxelo facelo, por iso intentade atopar un ratiño
cada día para preguntarlles como se senten e para falarlle tamén de como vos
sentides vós. De seguro que lles axudará a comprender as súas emocións… e as
dos demais!
Aquí tedes algunhas ideas para
traballar a través do conto:
E por último, deixámosvos un
pouco de música, que igual que os contos, debería estar presente todos os días nas
nosas vidas! A CANCIÓN DO MONSTRO DAS
CORES en GALEGO...
E a que xa coñecedes en CASTELÁN...
Agardamos que o monstro das cores nos axude a poñer algo de orde nas nosas emocións nestes días tan raros. Unha aperta grande!
Dende
“O piso de abaixo da escola” seguimos recomendando webs, e perfís
educativos nas redes sociais para que podades realizar actividades e
tarefas sinxelas e educativas cos vosos fillos e fillas durante estes
días. Agardamos que vos sirvan de axuda e sobre todo que vos
permitan gozar do tempo en familia dunha maneira lúdica e
enriquecedora!
Estade
moi atentos porque cada fin de semana teredes no blog novas
recomendacións! Unha apertiña e moito ánimo!
ENTRE
NUBES ESPECIALES:
No blog da mestra de educación especial Paola, podemos descargar un
montón de PDF con actividades sensoriais, coloreables,
recomendacións de películas e xogos para móbil e tablet,
actividades para exercitar a memoria, ioga para nenas e nenos…
UN
MAR DE IDEAS PARA EDUCACIÓN INFANTIL:
O blog da mestra María del Mar Quirell está repletiño de recursos
para traballar conceptos matemáticos a través da metodoloxía ABN.
THE
DAD LAB:
E se tedes instagram, aquí vos deixamos este perfil tan divertido
de Sergei Urban, un papá moi enxeñoso. No perfil podedes atopar un
montón de experimentos de ciencia para facer de maneira moi sinxela
con nenas e nenos a partir de 3 anos. A pesar de que está en
inglés, as explicacións que acompañan os vídeos podedes
traducilas… aínda que só vendo o vídeo xa veredes que non fai
falta nin entender o que di! Buscade no Instagram @thedadlab ou
premede na imaxe.
Conto cantado extraído da canle de
Youtube “O mundo ao revés. Sonia Hermida”
E deixamosvos tamén está versión en castelán da canle de Youtube "Musicando Badabum" de Cristina Martín Sanz, pois algúns e algunhas xa coñecedes o conto con esta melodía.
BREVE
INFORMACIÓN DO CONTO: Trátase dun contiño para cantar e contar… ata
10. Sinxelo e divertido especialmente indicado para os máis pequenos.
Atrevédevos a cantalo xuntos?
ACTIVIDADES
RELACIONADAS: Para hoxe propoñemos varias actividades para traballar os números
de maneira lúdica. Propostas coas que poderedes xogar e aprender xuntos
empregando cousiñas que de seguro tedes na casa (se non tedes algún destes
materiais como por exemplo os pauiños ou as cunchas podedes cambialos por
garabanzos, fabas… ou calquera outra cousa que teñades na casa e sexa sinxela
de manexar).
Por aquí vos deixamos unha proposta de actividades que podedes facer na casa estes días de confinamento. Está pensado para os nenos e nenas na aula do Corzo Vieiros (5º de educación infantil).
Premendo no debuxo do Corzo Vieiros podedes acceder ó documento.
MOITO ÁNIMO E PACIENCIA! O Corzo Vieiros agarda por nós!